Numerosas persoas se sumaban á quinta edición do proxecto “Flores no Camiño”, para o que, ao igual que nos anos anteriores, o Concello do Barco solicitaba a participación dos residentes nas rúas do municipio polas que transcorre o Camiño de Inverno.
A iniciativa consiste en poñer a disposición da veciñanza das rúas (con balconadas ou terrazas apropiadas) polas que pasa esta vía xacobea unha serie de plantas de flores de diferentes especies. En total recibíanse máis dun cento de solicitudes.

Esta mañá, a partir das 10h. comezaba na Praza de Abastos do Barco a entrega dunhas 1.500 plantas, de cinco especies diferentes (petunias, surfinias, xeranios, conchitas e verbenas) para axudar a engalanar os edificios situados no Camiño. Cada vivenda recibe un máximo de 6 plantas, das especies que prefira.
Os interesados podían solicitar a súa participación no proxecto ata o día 21 de abril. Os solicitantes só terán que se comprometer a completar con flores propias o total das súas balconadas ou terrazas.
Na entrega participaban o alcalde do Barco, Alfredo García; a concelleira de Turismo, Alba Rodríguez; e a técnica de Turismo, Diana Ramos.
Fotos: A.R.