
A Corporación municipal de Quiroga vén de aprobar en pleno por unanimidade solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Romaría da Ermida. O departamento de Turismo do Concello de Quiroga presentaba esta iniciativa parroquial -dirixida polo párroco Jesús Río e apoiada por diferentes asociacións-, co fin de que a Xunta de Galicia recoñeza oficialmente o seu valor como patrimonio inmaterial galego. E que serva, como matizou o Tenente de Alcalde, Vicente Parra, “non só a nivel afectivo e emocional se non tamén a nivel dunha tradición que a xuventude ten que coller máis forte”.
A solicitude inclúe unha ampla documentación que xustifica o cumprimento dos requisitos esixidos: antigüidade, singularidade, arraigo, valor cultural, accións promocionais,… Na memoria, realizada polo licenciado en historia, Manoel Carrete, destácase o amplo valor cultural desta festa, así como a súa celebración ininterrompida, que so se viu truncada polas restricións da pandemia nos anos 2020 e 2021.
Ademais está documentada a súa existencia desde o ano 1622, como unha celebración que xa traspasaba os límites parroquiais e que na última celebración estímase que participaron 5.000 persoas.
A ampla memoria recolle todo o que engloba este acto, que vai dende a novena, a procesión e os ofrecidos tanto os que acoden descalzos coma os amortaxados (cuberta a cabeza cun pano branco como ofrenda debido á curación dalgunha doenza grave), á propia Virxe dos Remedios, o Meco, as Pampórnigas, a peza musical propia desta procesión, e os exvotos, que son as ofrendas que deixan os fieis que recibiron un don ou unha curación e nos que se inclúen os cadros votivos que se sacan o día da festa, unha Capela portátil e unhas esposas que se conservan na igrexa.
Sobre a novena, que se celebra do 30 de agosto ao 7 de setembro, destaca a participación de persoas non só da localidade, senón tamén doutros lugares do municipio. Actualmente, aínda se realiza un antigo costume consistente en que un pequeno grupo de homes cantan nove loas á Virxe.
Os días da celebración da Virxe dos Remedios sae a procesión cunha disposición particular. En primeiro termo, vai o “Meco” cunha máscara que segundo os expertos data do século XVII ou XVIII, anunciando a súa presencia por medio dunhas castañolas e cunha vasoira de toxos vai afastando ás persoas, para que poida pasar o cortexo procesional. Logo van “As Pampónigas”, dous xigantes que simbolizan a un home e a unha muller, as súas primeiras noticias no arquivo parroquial son de finais do século XIX.

A continuación, un grupo de gaiteiros vai tocando unha peza tradicional da comunidade, recuperada polo gaiteiro contemporáneo Colomán González. Séguenlle os elementos propiamente relixiosos, o estandarte parroquial, a imaxe da Virxe, unha escultura, de autor e escola descoñecidos, de principios do século XV. Noutrora, había uns danzantes, que bailaban ao redor da advocación mariana o que eles nomeaban como “A danza”.
A singularidade desta festa, segundo a memoria elaborada, reside en que se conservara ao longo do tempo a pesar das prohibicións por autoridades civís e eclesiásticas as figuras do Meco e das Pampórnigas. Que estas figuras sigan ocupado o seu papel orixinal na celebración litúrxica de forma ininterrompida. E que a comitiva barroca dos Remedios da Ermida, na actualidade, siga a suscitar a mesma a atracción dende hai séculos.
Tamén se engaden actividades promocionais a ter en conta para a súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia: a súa participación no Congreso sobre Patrimonio Inmaterial das Terras de Lemos no 2009; a Elaboración dunha guía sobre o santuario da Ermida no 2015; a exposición fotográfica “Unha romaxe singular” celebrada no 2014; o mural que loce en Quiroga pintado no 2022; o viño da bodega Casa de Outeiro que leva o nome de Meco; o irmandamento entre os santuarios da Ermida e Castro Caldelas coas súas imaxes e figuras peculiares; a Exposición “Coroas de Santidade” que no 2024 se puido ver na Igrexa do Salvador de Hospital; a coroación canónica da Virxe dos Remedios no pasado mes de setembro;a presentación dun selo alusivo á romaría no 2024; a Incoación do expediente de Ben de Interese Cultural da Romaría da Nosa Señora dos Remedios da Ermida e a concesión do xubileu romano neste templo parroquial ao longo deste 2025.