SanidadeÚltima hora

A Xunta inviste 6,2M€ no servizo de limpeza dos hospitais públicos de Verín e Valdeorras

O importe do contrato para 3 anos de duración para o hospital do Barco supera os 3,3 millóns de euros

Exterior do Hospital Público de Valdeorras, no Barco./ Foto: A.R.

 

O Consello da Xunta celebrado este luns vén de autorizar a contratación, por importe superior aos 6,2 millóns de euros, do servizo de limpeza no Hospital Público de Verín e do Hospital Público do Barco de Valdeorras, dependentes da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Concretamente, para o servizo de limpeza do Hospital Público de Verín, o contrato prevé un importe que supera os 2,9 millóns de euros para un período de tres anos; para o caso do Hospital Público do Barco de Valdeorras o importe supera os 3,3 millóns de euros, para o mesmo período de vixencia, de tres anos.

O mantemento da limpeza da contorna hospitalaria é imprescindible para manter as súas dependencias nunhas condicións hixiénico sanitarias adecuadas, o que contribúe non só a mellorar o aspecto estético dos centros, senón que tamén evita a transmisión de axentes infecciosos.

A finalidade da Consellería de Sanidade é garantir a prestación das actividades e servizos sanitarios, tanto en atención especializada como atención primaria, precisas para a promoción da saúde, a prevención da enfermidade, a asistencia sanitaria e a rehabilitación. Para asegurar o cumprimento destas prestacións é imprescindible o desenvolvemento doutras actividades complementarias, tales como o servizo de limpeza.

O contrato autorizado hoxe prevé o incremento de efectivos que prestarán os servizos en cada un dos hospitais, derivado do incremento de superficies que é preciso limpar. Téñense en conta as reformas executadas no Hospital Público do Barco de Valdeorras, con incremento de superficies de alto e medio risco (zonas de oncoloxía, cirurxía ambulatoria, dixestivo, farmacia e PAC), e tamén o incremento de superficie do Hospital Público de Verín debido á ampliación do servizo de Urxencias. Así, prevese o incremento de 2 traballadores, tanto para o Hospital Público de Verín, ata acadar os 18 efectivos, como para o Hospital Público do Barco de Valdeorras, subindo a 20 efectivos.

Aquelas empresas que estean interesadas neste contrato deberán presentar unha memoria técnica das condicións ofertadas que detalle a prestación e organización do servizo, indicando de xeito separado a descrición xeral da organización e o funcionamento e xestión do servizo, incluíndo unha clasificación de áreas obxecto de limpeza.

Ademais, deberán establecer o número de traballadores que utilizarán en cada quenda, detallando os postos de traballo por categorías profesionais, expresando a distribución en quendas de mañá, tarde e noite.

Tamén deberán describir os medios materiais que garantan a prestación do servizo, con información relativa á maquinaria, vehículos e equipamentos.

Así mesmo, facilitarán información sobre os útiles, materiais e produtos de limpeza e desinfección que utilizarán.

Xunto ao anterior, deberá aportar un plan de formación continuada para os traballadores adaptado á esixencias da Xerencia Sanitaria.

Será máis valorada a proposta que presente os protocolos máis idóneos en atención ás características de cada zona no ámbito hospitalario (hospitalización, urxencias, etc.).

 

Back to top button