Os diferentes usos da lousa como material construtivo na actualidade xunto cos avances en materia arquitectónica desta pedra natural analizábanse polo miúdo ao longo desta mañá nunha xornada técnica que se desenvolvía neste 13 de maio no Centro Cultural Valcárcel de Ourense.
Baixo o título, “Arquitectura, Construción e Lousa en Valdeorras: Un diálogo cara ao futuro de Ourense”, esta xornada organizada polo Clúster da Pizarra de Galicia inaugurábase ás 10h. nun acto que contaba co xerente desta entidade, Severino González; co presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; co delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e co subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos.

Abría as intervencións o xerente do Clúster, Severino González, quen expoñía a situación na que se atopan as comunicacións por estrada entre a capital da provincia e Valdeorras, referíndose á estrada N-120. Ademais destacaba que esta xornada busca “contribuír a que a lousa sexa, cada vez máis, un símbolo identitario de Valdeorras e do resto de zonas produtoras de Ourense e de Galicia”. Neste senso o Clúster aposta, en palabras do seu xerente, por “lograr o achegamento das xentes da capital e da comarca de Valdeorras, pese á intransitable N-120, que non nolo está poñendo nada fácil”.
Sobre a lousa, Severino González apuntaba o desexo do clúster deste esta pedra natural “sexa considerada un material que forme parte das nosas vidas porque estamos orgullosos de que a natureza teña posto ao noso alcance o mellor produto de cubertas, xa que ninguén puido superar as súas características técnicas”.
Pola súa banda, o presidente da Deputación, Luis Menor agradeceu aos organizadores a súa escolla de Ourense, e concretamente do espazo cultural da Deputación, para albergar este evento xa que lembrou que “un dos nosos obxectivos como goberno provincial é achegar máis Valdeorras e o sector da Lousa á cidade e ao resto da provincia”. Neste senso, explicou que o sector e a institución provincial están a traballar na organización do I Día da Lousa, un exemplo máis que reafirma a colaboración da Deputación “en materia de promoción, exportación e divulgación dun material que é único e parte do ADN de Valdeorras e da provincia”. Tamén sinalaba que desde as administracións públicas “temos que contribuír a consolidar e sobre todo a aumentar nun sector que sempre mira cara adiante”.
Pola súa banda, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, dicía tomar nota do sinalado polo xerente en canto á N-120 e resaltaba que o sector da lousa é “estratéxico para o Goberno de España”, tal e como se desprende do Plan de Acción das Materias Primas Minerais 2025-2029, realizado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Así mesmo, agradeceu o traballo do Clúster da Pizarra de Galicia e queda á súa disposición para a axuda que precise.

Ademais, o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, referíase aos máis de 2.400 empregos directos do sector, “un 25% dees ocupados por mulleres, arredor de 1.000 empregos indirectos”, algo clave para fixar poboación. E matizaba que, “se hai un sector que exemplifica a unión de territorio, economía, identidade e sostibilidade, ese é o da lousa de Valdeorras, un material que ten valor comercial, social, cultural e ambiental”.
A partir de aí dábase paso ás tres sesións técnicas, nun programa que encetaba Antonio Raya Deblas, profesor da área de Construcións Arquitectónicas da Universidade da Coruña cun relatorio titulado “Arquitectura de lousa: nova construción”. “En Galicia o tempo é moi húmido e a lousa é o material que mellor se comporta neste ambiente”, unha razón, dicía, polo que o seu uso está máis que xustificado.
A continuación, Alfredo Martínez Alfonso, arquitecto técnico, que falaba de “Arquitectura Negra. Detalles de execución en Lousa e Tecnoloxía”, abordando os problemas máis habituais que xurden pola mala praxe na instalación de cubertas de lousa. Neste senso, apuntaba propostas de mellora, baseadas na súa propia experiencia.
Finalmente, Mario Ortega, Managing Director BIMobject Iberia & LATAM, cuxa intervención levaba por título “Estratexia de implantación do Clúster da Lousa para o uso de Materiais e Sistemas construtivos con Lousa en BIM, en colaboración con BIMobject”, achegaba a súa experiencia construtiva ao describir o uso dun dos materiais da paisaxe galega como é a lousa.

O programa da xornada completábase cunha mesa redonda, moderada por Jaime Pereira, secretario xeral da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), na que interviñan Emma Noriega García, presidenta da Delegación de Ourense do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; Darío López Fernández, presidente do Colexio Oficial de Arquitectura Técnica de Ourense; e Cesáreo Fernández Ríos, xerente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Ourense. Nela abordábase o futuro do sector da lousa en Ourense e Galicia, así como o tema da supresión das limitacións ao uso desta pedra natural que aínda existen nalgunhas normativas municipais.
Finalmente, procedíase á clausura da xornada da man do director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández; da deputada delegada especial para Valdeorras da Deputación de Ourense e alcaldesa de Carballeda de Valdeorras María Carmen González, e do xerente do Clúster, Severino González.
O director xeral de Planificación Enerxética poñía en valor o peso específico do sector da lousa, “que contribúe de forma moi importante a que a nosa comunidade autónoma sexa a segunda en canto a emprego mineiro en España e que Galicia sexa a cuarta comunidade autónoma en canto a valor de produción cun 9,5% da produción mineira”. E apuntaba ademais a sensibilidade da Xunta de Galicia con este sector, posto que se aprobaron “unhas axudas de 2,4 millóns de euros, que veñen aprobándose dende hai varios anos, para contribuír á mellora do medio ambiente, das condicións laborais e da fixación de poboación no rural”.
Ademais, o director xeral louvaba o importante esforzo que está a realizar a industria mineira en Galicia para incorporar as novas tecnoloxías aos seus procesos produtivos, coa mellora das condicións de seguridade e a restauración do entorno. “Sen dúbida, unha mostra inequívoca do compromiso do sector coa xeración de riqueza a través de explotacións máis verdes e sustentables”. “Un camiño no que sempre contarán co apoio do Goberno galego”, remataba.
Pola súa banda, a deputada María Carmen González cualificaba á lousa como “un dos motores económicos do nos país”, citando a Ourense como “líder mundial en produción e comercialización de lousa”. Matizaba que este material lidera as exportacións ourensás e “permítenos levar con orgullo a Marca Ourense e a Marca Galicia a todos os recunchos do planeta”. Ao mesmo tempo, resaltaba “a oportunidade que brindou o desenvolvemento desta xornada técnica para falar do futuro dun secot que seguro seguirá sendo imprescindible para zonas rurais como a do concello do que teño a sorte de ser alcaldesa, Carballeda de Valdeorras”.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

