Tras case 40 anos desenvolvemento o seu labor profesional no Hospital Comarcal de Valdeorras, a administrativa Asunción Losada González, natural de Vilardesilva (Rubiá) e veciña do Barco, vén de xubilarse. Para despedila e homenaxeala, as súas compañeiras e compañeiros no hospital organizábanlle no mediodía deste 15 de maio un xantar moi especial no Piquiño.

Arredor da mesa reuníanse case 60 persoas de diferentes servizos do hospital (persoal de administración, celadores, auxiliares de enfermería, persoal de mantemento, de enfermería, entre outros servizos) para acompañar a Asunción. Na celebración non faltaban os agasallos, para os que ademais colaboraban moitos outros compañeiros do centro sanitario.

Asunción Losada comezaba a súa andaina profesional en Ferrol, pero aos poucos meses pedía o traslado para o Hospital de Valdeorras, ao que se incorporaba en febreiro de 1986. A partir de entón pasou por diferentes postos e agora vén de xubilarse como administrativa no servizo de compras e subministros do hospital, onde é moi querida e valorada. “É unha persoa moi apreciada, traballadora e servicial”, destacan as súas compañeiras.
Fotos: Carlos G. Hervella, agás as seis últimas da galería que son cedidas.


