
Dende a Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco vén de informarse de que hai 18 prazas de especialistas convocadas para o Hospital Público de Valdeorras para “cubrilas por medio do concurso oposición ordinario e o extraordinario por méritos”.
As prazas que están convocadas son as seguintes: 3 en Anestesia; en Traumatoloxía 2; en Cirurxía Xeral, 1; en Rehabilitación, 1; en Cardioloxía, 1; en Medicina Interna, 3; en Medicina Preventiva, 1; en Xinecoloxía, 1; en Oftalmoloxía, 2; en Pediatría, 2, e en Radiodiagnóstico, 1. Dúas delas (Cardioloxía e Medicina Interna) son por OPE e as restantes por méritos.
Ademais a xerencia tamén asegura que, “ata a data, xa tomaron posesión de praza en propiedade no Hospital Público de Valdeorras: dous anestesistas, dous traumatólogos, un cirurxián, un rehabilitador, un xinecólogo e un pediatra. Igualmente tamén tomaron posesión dunha praza de cardioloxía, de medicina interna e de medicina preventiva, aínda que por diversos motivos non se incorporaran (excedencia ou baixa). O resto de prazas cubriranse en segunda volta”.
Finalmente, de a área sanitaria ourensá asegúrase que “tanto desde a dirección do distrito como desde a dirección asistencial están a coordinarse os recursos dispoñibles no resto da área para garantir a asistencia”.