
Arredor da ciencia congregarase a comunidade educativa de cinco centros de ensino da comarca de Viana do Bolo. Un ano máis, e van xa 17, o IES Carlos Casares de Viana acollerá o vindeiro a Feira das Ciencias, unha orixinal iniciativa que aposta por fomentar a curiosidade científica entre o alumnado de diferentes idades e o seu afán por experimentar, así como por promover a convivencia entre centros educativos.
Nesta 17 edición da feira, que está organizada polo Club de Ciencia Miguel Arranz do instituto vianés (do que forman parte nove profesores), reunirá o vindeiro 27 de maio a uns 150 alumnos (dende primeiro de primaria ata segundo de Bacharelato) dos colexios da Mezquita, da Veiga, do CPI Laureano Prieto da Gudiña e do CEIP Bibei de Viana, ademais dos do IES Carlos Casares. Estarán acompañados dos seus profesores, pero tamén dos pais e mais que o desexen, co fin de integrar na feira ao conxunto da comunidade educativa.
A dinámica da actividade será similar á de cursos anteriores. Comezará a partir das 10h. Os alumnos agruparanse e desenvolverán os seus diversos experimentos en diferentes partes do instituto, en función das características dos mesmos. Será unha xornada lúdica, festiva e de convivencia.
Ao mesmo tempo, tamén se lles presenta o instituto ao alumnado de primaria, especialmente aos de sexto que se incorporarán o vindeiro curso ao instituto e tamén aos da 4º da ESO da Gudiña, que entrarían en primeiro de Bacharelato.
“O obxectivo é fomentar o interese pola ciencia, promover que o alumnado faga presentacións, non só de experimentos, senón tamén doutro tipo de proxectos en público e impulsar a participación das alumnas no ámbito da ciencia e da experimentación”, explican dende o Club de Ciencia Miguel Arranz.
Ao mesmo tempo, esta actividade “axuda moito a que alumnos que non son de Viana se integren máis facilmente, axuda na relación entre os centros de ensino e na súa interacción e tamén fai máis doado o tránsito dos escolares de primaria a secundaria, suavízao coñecen as instalacións nas que estudarán no vindeiro curso e aos que van ser os seus futuros compañeiros”, comentan dende o club.