A GudiñaConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Concentración na Gudiña contra o recorte de frecuencias do AVE na estación Porta de Galicia

O alcalde deste concello lía un manifesto no que se pedía "repoñer as frecuencias horarias do AVE con parada na Gudiña con horarios útiles para a mobilidade laboral, educativa e sanitaria"

 

“Se non para pechamos, as portas!”. Con este berro unánime e entre aplausos concluía neste mediodía a concentración que se celebraba xunto á estación A Gudiña-Porta de Galicia para pedir que Renfe cambie a decisión de reducir as frecuencias do AVE nesta estación, que entrará en vigor o 9 de xuño.

Nesta acto reivindicativo, o alcalde da Gudiña, o socialista Néstor Ogando, lía un manifesto no que explicaba cal é a situación e as demandas que se lle fan á Renfe. “Queremos comezar recoñecendo o esforzo realizado nos últimos anos para a chegada da alta velocidade ao interior de Galicia, e moi especialmente á provincia de Ourense. A chegada do AVE á Gudiña foi un paso importante e moi agardado que supuxo o maior investimento de todos os gobernos de España en Galicia. Con todo, cremos que queda aínda camiño por percorrer para que esta infraestrutura cumpra plenamente a súa función social e vertebradora do territorio”.

 

 

E proseguía indicando que a veciñanza da Gudiña e dos 28 concellos da contorna que fan uso do servizo da alta velocidade, máis “as cámaras de Vinhais e Chave queremos expresar a nosa fonda preocupación e desacordo ante o recente cambio de frecuencia dos trens que afecta directamente á nosa vila. A estación da Gudiña-Porta de Galicia é un punto estratéxico para a vertebración do territorio, é unha ferramenta esencial na loita contra o despoboamente que ameazaba á nosa comarca. Calquera modificación na frecuencia dos servizos, especialmente se supón unha redución de horarios ou unha eliminación de paradas, constitúe un retroceso na loita pola igualdade territorial e polo dereito á mobilidade de toda a cidadanía”.

 

 

Neste senso, o alcalde da Gudiña pedía, “dende o respecto institucional, conscientes da vontade de diálogo e colaboración do Goberno co noso pobo e coa firmeza de sumar, diríximonos ao Goberno e a Renfe para solicitar unha mellora real e sostida das conexións ferroviarias na nosa zona”.

Ademais Ogando anunciaba que, “froito desa vontade e esforzo, o 28 de maio serei recibido polo director xeral de presidencia de Renfe para tratar de buscar unha solución ao noso problema. Xa me adiantou a inminente licitación do ascensor e o refuxio climático que se vai instalar aquí na estación da Gudiña. Sabemos que gobernar require tomar decisións complexas, pero confiamos en que o equilibrio territorial e a igualdade de oportunidades sigan sendo prioridades, así llo farei saber ao director xeral, ao que lle trasladarei este manifesto no que propoñemos repoñer as frecuencias horarias do AVE con parada na Gudiña con horarios útiles para a mobilidade laboral, educativa e sanitaria, tamén escoitar á veciñanza dos concellos e ás plataformas sociais para adaptar o servizo ás necesidades reais da poboación, manter abertos os canales de diálogo xa existentes para facer seguimento dos avances e melloras propostas”.

 

 

O texto concluía, sinalando, que “este manifesto non nace da confrontación, senón da esperanza. É unha man tendida para traballar conxuntamente polo futuro do noso territorio, porque o rural tamén ten dereito a avanzar, a estar conectado, a ter oportundidades, nós non queremos formar parte da España vaciada. A Gudiña está preparada para a loita, abramos entre todos a Porta de Galicia ao futuro que merece, todos xuntos conseguiremos que se reverta esta decisión que nunca se debeu tomar. Gracias a todos polo voso apoio”.

Na concentración participaban representantes políticos de diferentes formacións: PP, PSOE e BNG.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button