
Dende a Asociación de Silicose de Valdeorras, Asilival, vén de emitirse este mércores un comunicado de prensa no que se indica que, “coñecido por esta asociación que o vindeiro día 29 (Xoves), deste mes de maio de 2025, reuniranse con carácter ordinario a Xerencia do Área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, a Dirección de Distrito Sanitario de Valdeorras e os representantes dos traballadores/ as do Distrito Sanitario de Valdeorras que conforman a Xunta de Persoal do citado distrito; esta asociación realizará unha xuntanza na porta do Hospital Público de Valdeorras ás 9,30 horas da mañá, para facer notar a súa desconformidade co estado actual das conversas entre ASILIVAL e a Xerencia da nosa Área Sanitaria”.
A asociación cualifica “inasumíbel a situación coa xerencia área” ao considerar que “non dá resposta axeitada ás necesidades da poboación deste distrito no referente á patoloxía silicótica”, “non adecúa os recursos sanitarios ás necesidades da poboación aínda tendo doada posibilidade de facelo, como puidera ser a transformación dunha praza orzada e non cuberta en Medicina Interna nunha praza de Pneumoloxía”.
Ademais Asilival insiste en que “non renunciamos, nin renunciaremos, aos nosos obxectivos: acadar unha consulta diaria de pneumoloxía, e a partires disto seguir un proceso de negociacións para tras os estudos de prevaleza de silicoses na comarca que sexan precisos, definir un servizo de pneumoloxía que dea a atención óptima e necesaria nesta comarca”.