“Se non para, pechamos as portas!”. Era a consigna que volvía berrarse, unha vez máis, xunto á Estación Porta de Galicia na Gudiña Representantes políticos de diferente signo, sindicatos, empresarios e cidadáns en xeral reuníanse esta tardiña de 5 de xuño diante desta estación de alta velocidade para abordar a situación na que se vai quedar da zona a partir do 9 de xuño e as medidas a tomar. Neste encontro vén de poñerse en marcha unha plataforma cidadá en defensa do tren.
“Viamos o outro día que nos fastidian cos horarios que acaban de poñer no tren de alta velocidade, excluíndonos a empresarios, á xente maior, a nenos, a todo tipo de persoas e, despois, hoxe vemos o lado positivo: a unión e os aplausos. O que queremos é dende a creatividade, sendo apolíticos e dende a colaboración dende diferentes ámbitos, pois trasdarlle que con esta decisión estanos matando en vida. É bonito vivir, pero ás veces faise difícil, e con este tipo de decisións, aínda máis e non todo é economía. E, sobre todo, para unha entidade como Renfe que ten que Responsabilidade Social Corporativa. Este tipo de empresas teñen facturación, pero tamén deben xerar transporte, coñecemento e, sobre todo, pensar en todas as xeracións e non o están facendo”, dicía un dos membros da plataforma Rubén Riós.

Ao seu carón, outra das integrantes da mesma, Begoña, lembraba que a todo isto súmase “o dereito ao desprazamento e á mobilidade que temos todos os cidadáns, independentemente do lugar onde vivamos, no rural ou na cidade, todos somos iguais ante a lei. E isto é intolerable”.
A plataforma bota andar mentres continua recabando apoios e xa se pensa en levar adiante diversas indiciativas en defensa dos servizos ferroviarios de alta velocidade A Gudiña perderá a partir do 9 de xuño.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.