Neste domingo 8 de xuño desenvolvíase o primeiro Exercicio dinámico de coordinación operativa das Unidades da Garda Civil en Ourense no Centro Comercial Carrefour de Barbadas, no que participaban os seguintes medios e unidades a COS (Central Operativa de Servizos), Equipo Pegaso, Oficina móbil de atención ao cidadán, Unidade Orgánica de Policía Xudicial, GEDEX (Grupo desactivación Explosivos) ARS (Agrupación Rural de Seguridade), Unidade Aérea, Subsector de Tráfico, GRS (Grupo Rural de Seguridade), USECIC (Unidade de Seguridade Cidadá da Comandancia ), Servizo Cinolóxico, Seguridade Cidadá, Policía Local, Servizo de urxencias 061, Cruz Vermella e Centro Comercial Carrefour.
O exercicio constaba de 4 fases, a primeira das cales era un exercicio que comezaba coa chegada de tres individuos nun vehículo ao aparcadoiro do centro comercial, que efectuaban disparos no interior, a partir dese momento, e tras ter coñecemento do posible atentado, na Central Operativa de servizos da Comandancia da Garda Civil, actibávanse medios da Garda Civil e de emerxencias 061. A segunda fase desenvolvíase no interior do centro comercial, visionando imaxes de cámaras de seguridade. Chegaba o helicóptero e GRS e neutralibázanse aos atacantes
A continuación no aparcadoiro do exterior actibávase a terceira fase localizando o vehículo dos atacantes e o GEDEX e Servizo Cinolóxico realizaban as súas comprobacións. Na cuarta e última fase eran atendidas as vítimas nun Hospital de Campaña e comezábase a realizar a Inspección ocular, activando o protocolo nacional de actuación Médico-forense e Policía científica.

“Hoxe asistimos a un exercicio de enorme valor operativo e simbólico, que pon de manifesto o compromiso das nosas institucións coa seguridade e a preparación ante situacións de risco real”, sinalaba o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, despois de presenciar a simulación, que consistiu nun ataque perpetrado por tres individuos con armas de fogo e armas brancas.
Ademais indicaba que a especialización das unidades da Garda Civil é “un piar imprescindible” na resposta eficaz ante situacións complexas, “xa que aporta un coñecemento técnico insubstituíble”, tal e como se demostrou no exercicio dinámico organizado pola Comandancia de Ourense.
Neste senso, engadía que é tan importante a especialización como a coordinación. “Só mediante a colaboración fluída e planificada entre as distintas unidades da Garda Civil e tamén entre os diferentes corpos de seguridade e servizos de emerxencia podemos facer fronte a ameazas graves, como as de carácter terrorista, con rapidez e profesionalidade”, remarcou.
Ao respecto, o subdelegado do Goberno en Ourense felicitou ao tenente coronel xefe da Garda Civil de Ourense, Rafael Berguillo, pola organización dun exercicio tan esencial. “A Comandancia de Ourense demostra unha vez máis a súa profesionalidade e o seu compromiso coa cidadanía que protexe en 91 concellos da provincia”, sostiña.
Así mesmo, expresou o seu agradecemento á Policía Local de Barbadás, ás autoridades xudiciais e ao equipo de Urxencias Sanitarias-061. “A súa participación foi indispensable para dar realismo e eficacia ao exercicio, demostrando unha vez máis que a seguridade é unha tarefa colectiva”, sinalaba.
