
O traballo “Coñecemento, actitudes sobre a vacina fronte ao Herpes Zóster en poboación adulta: Unha oportunidade para aumentar coberturas desde a Atención Primaria” das enfermeiras da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras María Isabel Rodríguez Ambrosio, María Jesús Espinosa Menor e Verena Rodríguez González, recibíu unha mención de honra na segunda edición dos premios da Asociación Española de Vacinoloxía “AEC Awards” que se entregaron en Madrid na Real Academia Nacional de Medicina.
Fixo entrega do premio Victoria Nartallo Penas, vogal da AEV e técnica do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Departamento responsable desta campaña de vacinación que se incorporou ao “Calendario de vacinación ao longo de toda a vida” da Xunta de Galicia.
Precisamente co obxectivo de aumentar o coñecemento da poboación sobre esta vacina, como no traballo ourensán premiado a nivel nacional, a Consellería de Sanidade informa periódicamente vía SMS, ás persoas que cumpren 65 e 80 anos, que poden pedir cita para vacinarse, a traves da aplicación Sergas Móbil, na páxina do Sergas ou ben desde o seu centro de saúde, así como as indicacións desta vacina. O consello vacinal, ás persoas de grupos de risco, tamén se facilita a través dos profesionais de Atención Primaria e dos distintos servizos hospitalarios.

Enfermidade moi prevalente
O herpes zóster é unha enfermidade producida polo virus varicela zóster, de baixa mortalidade pero moi prevalente, especialmente a partir dos 50 anos. Ademais, aumenta a súa incidencia de xeito considerable coa inmunodepresión e certas condicións de risco como a infección por VIH, enfermidades hematolóxicas malignas ou en persoas con tumores sólidos en tratamento con quimioterapia.
Os seus síntomas máis comúns son manchas vermellas, ampolas, formigueo, ardor ou dificultade para mover algúns músculos da cara. Unha vez que a erupción sanou pode quedar dor do nervio, o que se coñece como neuralxia postherpética e que é unha complicación que pode ocasionar discapacidade e diminución da calidade de vida. Polo tanto, a enfermidade constitúe un importante problema de saúde e de carga para a sociedade. A súa incidencia é máis habitual en mulleres, en 2023 en Galicia diagnosticáronse 6.527 casos, fronte aos 4.477 casos en homes.