En portadaSanidadeÚltima hora

Asilival fará unha concentración cada semana diante do HPV para pedir un neumólogo

Así o acordaban os seus asociados nunha asemblea extraordinaria celebrada no Barco na que se daba conta das xestións e actuacións realizadas ata o de agora pola directiva da entidade

 

A Asociación de Silicosis de Valdeorras (Asilival) celebraba na tarde deste 12 de xuño unha asemblea extraordinaria na que a súa directiva daba conta das xestións e accións realizadas nos últimos meses de cara a loitar polo obxectivo principal da entidade: conseguir un neumólogo para o Hospital Público de Valdeorras.

Así, o presidente da asociación, Jose Rodríguez, lembraba as catro reunións mantidas ata o de agora coa Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco que cualificou de totalmente infructuosas. “Non conseguimos nada, faláronnos dun protocolo que ían implantar e que nós lle pedimos por escrito, pero nunca nos entregaron nada, pese a que prometéronnos que nolo ían a dar a esta xunta directiva. Ese protocolo implantárono polos medios de comunicación, é un buzón baleiro”.

Unha cuestión que era confirmada por algúns asistentes que contaban a súa experiencia ao acudir á unidade para tratar a silicose e enfermidades pulmonares no hospital valdeorrés, cuxa creación anunciaba o Sergas a finais de abril. Aseguraban que simplemente hai unha persoa que lles toma os datos e, nalgún caso, que fixeran probas pero que aínda están esperando para que os vexa un neumólogo.

O presidente de Asilival tamén comentaba que foron a levar as súas demandas ao Parlamento galego, así como á Deputación de Ourense, “onde se presentaron unha serie de mocións de cara a contar cun neumólogo, por parte do BNG e do PSdeG-PSOE, pero foron tumbadas polo PP”. Ademais, continuaba, “presentamos as nosas demandas no pleno do Barco, no do Bolo e no de Vilamartín, nos que si temos os seus apoios, tamén no de Petín, no da Rúa e do de Viana, do resto non queren saber nada nin da silicose nin dos silicosos”.

A directiva de Asilival mantiña unha reunión coa Asociación de Silicosis do Porriño. “Eles levan xa case doce anos traballando, teñen 2 neumólogos a disposición no Álvaro Cunqueiro e un deles desprázase unha vez por semana polas localidades da comarca”. Ademais, Asilival presentaba escritos á administración con preguntas relativas a temas como as probas médicas “pero non nos responderon”.

A partir de aí Rodríguez comentaba que a directiva de Asilival acordaba darlle voz aos socios para decidir “pasos a seguir e a dar. Unha cousa está clara, esta enfermidade, de momento, non ten cura, ogallá que algún día a teña, e todos imos facernos maiores e non ten ningún tipo de tratamento polo de agora. Nós o que pedimos é un neumólogo no Hospital do Barco que nos faga un seguimento, entón, ou pelexamos entre todos ou isto se nos vai”.

 

 

Despois dunha votación decidíase celebrar unha concentración unha vez á semana diante do Hospital Público de Valdeorras. O día e a hora está aínda por concretar, así como o inicio das mesmas. A directiva de Asilival pretende ademais organizar unha reunión de alcaldes para plantexarlles as demandas da asociación e para pedir o seu apoio nas súas demandas á hora de levar adiante mobilizacións.

Neste senso, un dos asociados comentaba que “os silicosos non temos cor política” e engadía que este neumólogo “non só é necesario para os silicosos, senón tamén para outras enfermidades e problemas de pulmón que teñen os veciños da comarca, é fundamental que contemos cun seguimento dun especialista e que nos atenda”.

Outra cuestión exposta na asemblea é a distancia que separa Valdeorras da cidade de Ourense, “a onde nos están mandando agora tamén a facer os TACs” e de Vigo, que é outro hospital onde se derivan aos enfermos de silicosis da comarca. “Hai xente que xa non pode conducir e depende de que a leve un familiar”, dicían.

Neste senso, a directiva de Asilival solicitaba a implicación dos asociados e da sociedade en xeral “en cada convocatoria que se faga, hai que saír ás rúas, hai que loitar por isto. O noso obxectivo é ter un neumólogo que nos faga un seguimento, e diso non nos imos desviar”, concluía.

Fotos: O SIL.

 

Back to top button