Polas montañas leonesas e asturianas movíanse na pasada fin de semana os membros da Asociación Huellas del Cabrera, que realizaban dúas fermosas e interesantes rutas. A primeira delas, a do sábado 14 de xuño, permitíalles descubrir o fermoso Lago de Isoba (León). Tratábase dun percorrido circular con saída dende a localidade de Isoba pola base do pico San Justo, seguindo unha pista gandeira, que deixaban para iniciar o ascenso ao citado cume, con 1.959 m de altura.

A subida, duns 400 metros de desnivel, pagaba a pena. “Dende arriba tiñamos unha vistas impresionantes en 360 graos”, contan os participantes na marcha. Despois da fotografía de rigor do grupo no pico, realizaban o descenso, para continuar a marcha pola citada pista gandeira, polo Val Pinzón, entre bosques, praderías e continuos saltos de auga. E neste traxecto tamén se atopaban coa Cascada dos Forfogones.
Rematada a zona das praderías e as fervenzas, o grupo xiraba á dereita e continuaba seguindo o arroio Isoba, ata chegar á localidade do mesmo nome, onde finalizaba a ruta.

Ao día seguinte, os andaríns de Huellas del Cabrera desprazábanse en coche ata a zona de Tarna, xa en Asturias. E alí facían a ruta da Cascada Tabayo del Mongallu. No seu trazado pasaban por un impresionante bosque de faias e tamén por pradarías, ata chegar á fervenza. Esta era tamén unha ruta circular que as devolvía ao punto de partida. “Foi unha fin de semana moi especial e na que o tempo acompañounos”, destacan dende a asociación.
Fotos cedidas.
