A XXVI Cata dos Viños de Valdeorras, na que nesta edición participaban medio cento mostras de 20 adegas, xa ten ganadores. As referencias premiadas nesta edición, un total de nove, desvelábanse nun acto celebrado na tarde deste 27 de xuño no Complexo Hostaleiro Paladium de Vilamartín.
Do total de viños participantes na cata, 29 eran de variedades brancas, sendo 19 da añada de 2024. Os 21 restantes eran de variedades tintas, 10 delas da añada de 2024.
“Para o Consello Regulador, todas as referencias son gañadoras, polo traballo realizado, e pola pelexa continua por sacar adiante cada colleita”, dicía o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Marcos Prada Ginzo, na gala de entrega de galardóns. Cada colleita, engadía, que é “froito do labor continuado dun sector cuxa máxima é sempre a búsqueda da calidade nas súas marcas”.
Ademais incidía en que eventos como esta entrega de premios permiten “visibilizar o traballo de adegueiros e viticultores, outorgándolles o protagonismo que merecen. Ademais contribúen a seguir apoiando ao sector vitivinícola, un dos motores máis importantes da nosa comarca e da provincia”.
Premios da XXVI Cata dos Viños de Valdeorras
Viños brancos:
1º Premio- O Luar do Sil Godello 2024, Pago de los Capellanes, S.A
2º Premio- Joaquín Rebolledo Godello 2024, Joaquín Rebolledo, S.A.
3º Premio- O Luar do Sil Godello sobre lías 2024, Pago de los Capellanes, S.A.
Viños tintos:
1º Premio- Casal Novo Mencía 2024, Adega O Casal, S.L.
2º Premio- Mil Ríos Mencía 2024, Terriña, S.L.
3º Premio- Joaquín Rebolledo Mencía 2024, Joaquín Rebolledo, S.A.
Nesta ocasión, o Consello Regulador decidiu conceder un total de tres mencións especiais a viños de outras añadas:
Mención especial viños de outras añadas brancos:
Alento Godello 2023 – Bodega Roandi, S.L.
Mención especial viños de outras añadas tintos:
Quinta da Peza Oro 2023 – Adega Quinta da Peza, S.L
D´Berna “Ele” Garnacha Tintorera 2018 – Guitián y Blanco, S.C.

No acto, que se ía intercalando con actuacións de musicais do dúo de Edu (guitarra) e María (voz) de AMAVA, tamén interviña a tenente de alcalde de Vilamartín, Sherezade Núñez, quen destacaba o labor que desenvolven “adegueiros e viticultores, sen o cal, a marca de Valdeorras non sería posible”. Ademais a deputada delegada especial para Valdeorras, María Carmen González, aseguraba que “Valdeorras é unha terra de viño, lousa, paisaxe, e dalgunha maneira entre todos os sectores facemos un paquete excepcional, un valor moi importante dentro da provincia de Ourense”.
A clausura do acto corría a cargo do director de Agacal, Martín Alemparte, quen celebraba “a excelencia dos viños de Valdeorras” e dedicaba as súas primeiras palabras aos premiados “que serán embaixadores dos viños desta D.O., que non deixa de medrar en calidade e en recoñecementos”.
Así mesmo, Alemparte sinalaba que o sector vitivinícola vive un momento complexo e cheo de dificultades e retos, como o descenso e os cambios nos hábitos de consumo, a falta de relevo xeracional no sector”. Pero, engadía, “temos vimbios de futuro, e témolo que afrontar con talento e ilusión”.
A gala finalizaba cunha degustacións de viños da D.O. Valdeorras, entre eles os premiados, acompañados de diversos petiscos e da actuación do dúo de saxofonistas, Quique e Iria.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.