AllarizConcellosÚltima hora

Festas de San Bieito, do 11 ao 13 de xullo en Allariz, cunha programación diversa e para todos os públicos

A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e o concelleiro de Cultura, Alberto Conde, veñen de presentar a programación das Festas de San Bieito 2025, que se celebrarán do 11 ao 13 de xullo cunha proposta chea de música, espectáculos e actividades pensadas para todas as idades.

 

 

A programación comeza o xoves 10, cun concerto da Agrupación Coral Arnoia na Igrexa de San Bieito. O venres 11, a praza do Matadoiro será escenario do espectáculo de monicreques Titiricircus, da compañía Tanxarina, pensado para público infantil e familiar. A partir das 23h. a Discomóbil Apocalipsis animará a noite na Barreira.

O sábado 12 arrinca cun desfile de xigantes e cabezudos desde a Casa da Cultura, acompañados pola Agrupación de Pé Feito. Xa pola tarde-noite, a música será protagonista cun concerto das bandas Airiños do Morrazo e Unión Musical de Allariz na Alameda. A medianoite será a quenda da verbena con dobre sesión da Orquestra Horizon, The Show, na Barreira.

 

 

O domingo 13, a programación inclúe actividades de rúa e actos vinculados á festividade de San Bieito. Haberá pasarrúas e ás 11h. sairá a procesión acompañada polos grupos musicais De Pé Feito, Unión Musical de Allariz e Agrupación Folclórica Lemavos. Ás 21h. comezará o baile amenizado pola Orquestra Compostela na Barreira, seguido dun espectáculo pirotécnico no Campo de Vilanova, ás 00h.

Durante a fin de semana tamén se celebrarán diferentes actos relixiosos, como misas e a novena de San Bieito, para quen desexe participar deste ámbito da festa.

Back to top button