PolíticaÚltima horaVídeos

Pontón avoga por unha discriminación positiva dos concellos do rural nos orzamentos da Xunta para loitar contra o despoboamento

Destaca o proxecto transformador do BNG en A Teixeira e Montederramo, cunha aposta clara polos servizos públicos, o apoio os sectores produtivos e gobernos para toda a veciñanza

 

A portavoz nacional, Ana Pontón, defendía a “discriminación positiva” dos concellos do rural para loitar contra o despoboamento, reforzar os servizos públicos e apoiar a actividade económica nestas zonas do País, claves, asegurou, para evitar os desequilibrios territoriais e demográficos que se dan na actualidade no interior de Galiza.

“Non podemos abandonar o rural, que representa o 90 % do territorio de Galiza, e non se lle pode dar as costas a esa parte do noso territorio”, advertiu durante a súa visita aos concellos ourensáns de Montederramo e A Teixeira, onde se reuniu cos seus alcaldes, Óscar Diéguez e Xosé Vázquez, respectivamente, e outros membros das súas corporacións para avaliar, cando que se cumpriron xa dous anos de mandato, o “proxecto transformador” que o BNG está a levar desde os gobernos locais.

 

 

Tanto Montederramo como a Teixeira son, afirmou, exemplos dunha xestión fundamentada en “mellorar a vida das persoas”, nunha aposta clara polos servizos públicos, o apoio aos sectores produtivos e con gobernos locais para toda a veciñanza e non só para unha parte. Dous concellos que, ademais, son unha demostración de que “o BNG está a alza e que é referencia da alternativa en Galiza fronte aos gobernos do PP”.

Pontón fixo especial fincapé na “transformación” que están a experimentar os concellos nos que o BNG acadou alcaldías nas últimas eleccións, con gobernos que se caracterizan por ser “máis transparentes e democráticos onde se trata por igual a todos os veciños e veciñas” e que, ademais, asumen o papel “dinamizador” da vida local.

 

 

Defender os servizos públicos, mediante unha mellora na atención das persoas maiores e máis oportunidades de conciliación, é pata fundamental na xestión local do Bloque, subliñou a líder nacionalista, referíndose neste punto ao esforzo que, “malia a infrafinanciación do Goberno do PP na Xunta”, están a facer tanto Montederramo como A Teixeira para mellorar o Servizo de Atención no Fogar (SAF). “Supón un volume moi importante de recursos, pero para nós, evidentemente, o primeiro son as persoas”, manifestou durante a súa visita, na que tamén participou a deputada ourensá Noa Presas.

Neste punto, Pontón reclamou o Goberno de Rueda que incremente a dotación económica para a Axuda no Fogar e, tamén, para mellorar os servizos sanitarios, referíndose explicitamente ao novo centro de saúde que comprometeu para Montederramo xa no ano 2021. “O Concello xa fixo os seus deberes, comprou unha parcela e púxoa a disposición da Xunta, á que lle toca agora cumprir cos veciños e as veciñas” impedindo, afirmou, que haxa “cidadáns de primeira e cidadáns de segunda”.

Pola súa banda, o alcalde de Montederramo, Óscar Diéguez, agradecía a visita de Ana Pontón e indicaba que no seu decurso ía amosarlle a evolución do goberno municipal e as iniciativas levadas a cabo, principalmente, apostando polos servizos públicos e polas infraestruturas.

 

 

Coincidindo co ecuador dos mandatos municipais, a portavoz nacional recalcou o apoio os sectores produtivos como outra das pegadas dos gobernos locais do BNG en concellos como o de Montederramo, un “referente na produción de carne” onde existen arredor de setenta explotacións gandeiras e máis de 6.000 cabezas de gando bovino. “No BNG cremos que a aposta por este sector é estratéxica para coidar do medio ambiente, para fixar poboación e para xerar dinamismo económico. Estas son cuestións nas que hai que traballar”, manifestou.

Fotos: Carlos G. Hervella/ cedidas.

Vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button