Cun obradoiro de pintura para os máis pequenos no espazo Mini SilFest; outro de maquillaxe SilFesteiro no Espazo Vibra; e unha cata no Espazo Florencio, comezaba oficialmente o SilFest Valdeorras 2025 que abría as portas na tarde deste venres 4 de xullo e non rematará ata a madrugada do sábado día 5.
Horas e horas de actividades moi variadas entre as que destacan a música, como é lóxico, pero tamén as degustacións e as catas. A primeira, conducida por Mercedes González arrincaba ás 19:15 horas con preto de 40 asistentes e tres viños que a enóloga maridou con xeado.
Baixo o título “Viño e Bicos a esgalla”, Mercedes levou aos asistentes por un mundo de sensacións e xogo de palabras coa cata de viños de Godeval, Casal Novo e Alán de Val e os exquisitos sabores de Bico de Xeado, marca de xeados artesanais creados pola Cooperativa Agraria Provincial de A Coruña. “Á parte de saborealo, pensade tamén no bico que vos suxire o seu sabor”, tentaba a enóloga, acompañada nesta ocasión pola psicóloga e sexóloga Emma Placer, que onte daba unha interesante e amena conferencia sobre, baladas, sentimentos e violencia de xénero.
No recinto do festival, á beira do río Sil no Barco de Valdeorras, hai postos de comida, bebida, xeados, artesanía,… Hoxe o apartado musical corre por conta de Hawkins DJs, Javier Lago, Repion, Heredeiros da Crus e Kokosha.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.