Na mañá deste xoves 10 de xullo o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e o alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, copresidian a Xunta Local de Seguridade á que tamén asistía o tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Rafael Berguillo. Ademais, coma sempre asistían representantes da Garda Civil, da Policía Nacional Local e os presidentes de AEVA e do Centro Comercial Aberto O Barco como convidados para analizar uns datos que “en termos xerais e en todos os aspectos e campos son mellores que os do semestre anterior independentemente duns feitos moi concretos, que son os roubos en comercios, o único campo en que os números son peores”, dixo o alcalde, destacando o “aumento importante do esclarecemento dos feitos”.
O subdelegado valorou positivamente a asistencia á reunión dos respresentantes empresariais da vila xa que nestas xuntas o que destaca “é falar da veracidade dos datos da seguridade no primeiro semestre do ano no concello do Barco e nese sentido o número total de infraccións penais descendeu no primeiro semestre deste ano, en comparación co mesmo período do ano anterior, e a taxa de esclarecemento medrou. Así, Eladio Santos felicitou ás Forzas e Corpos de Seguridade polo seu “traballo rigoroso e constante” para manter as rúas seguras.

Porén, expresou a súa preocupación polo aumento concreto dos delitos graves contra o patrimonio, centrados nos roubos en establecementos comerciais, “pequenos pero moi molestos que causan alarma social e preocupación para o sector comercial, que para nós é moi importante”, dixo, explicando que ao tratarse de pequenos delitos “ás veces é difícil que rematen de maneira inmediata en cárcere ou nun decreto de prisión provisional, primeiro porque hai que identificar con indicios sólidos ao delincuente e segundo porque ao ser pequenos a nivel sudicial é difícil que se tome unha decisión tan drástica”. Ademais, os axentes atribúen estes delitos a problemas de adiccións de sustancias. Por iso, Eladio Santos pediu á Xunta o establecemento dunha unidade de prevención de condutas aditivas no municipio, debido a que é a Administración que ten as competencias en sanidade. “Imos a loitar contra este problema que preocupa aos veciños, veciñas e comerciantes. A Garda Civil ten a orde de incrementar os esforzos, pero é necesaria a unión doutros servizos para atallar a problemática de raíz”, aclarou.
Ademais, a Xunta Local de Seguridade pactou o inicio dunha campaña de información para previr roubos en establecementos e vivendas e para tratar de localizar a todos os autores. A iniciativa pretende facer chegar á cidadanía unha serie de recomendacións como a instalación de cámaras de seguridade e alarmas nos comercios e a necesidade da colaboración cidadá, por exemplo, mediante a app AlertCops que permite dar información ás Forzas e Coros de Seguridade de forma anónima.

Na reunión tamén se coordinaba o dispositivo especial de seguridade para as festas do Cristo do Barco de Valdeorras, do 12 ao 15 de setembro, que terá patrullas de reforzo e estará coordinado pola Policía Local. Ao respecto, trataron a saída da Volta Ciclista 2025 o 10 de setembro que complicará a situación de tráfico, polo que Santos fixo un chamamento a minimizar o uso dos vehículos privados na medida do posible ese día e agardou que a proba se desenvolva con total normalidade. Tamén acordaron un reforzo maior de Garda Civil, como é habitual, para o descenso do Sil, que coincide coas festas do Cristo.
Trala xunta, o tenente coronel da Garda Civil poñía en valor o traballo que estaba realizando a Institución. “O equipo Roca realizou 9 operacións relacionadas cor hurtos e roubos en garaxes, vehículos, vivendas,… e detuvéronse a 11 persoas, tres no que vai de ano. Actualmente atribúenselle a estas persoas 54 feitos entre roubos en establecementos públicos, interior de vehículos e vivendas non habitadas, persoas coñecidas e con antedecentes. Pode que non se vexan resultados pero si traballo”, asegura, adiantando que seguirán “intensificando a actividade preventiva”, e apostando pola “colaboración cidadá”.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.