CulturaCulturaÚltima horaVídeos

O Casino do Barco acolle a presentación do novo libro do barquense Luis Manuel Gurriarán

“Del Gran Hotel de Francia al Hotel España” (Publicaciones Arenas, 2025) é a quinta publicación deste escritor

 

Retómase a colaboración entre a Sociedade Casino do Barco e o Instituto de Estudos Valdeorreses cunha nova actividade cultural. Na tarde deste venres 11 de xullo, o escritor barquense Luis Manuel Gurrriarán reencontrábas con veciños, amigos e familiares no primeiro andar do emblemático edificio para presentarlles o seu novo libro.

 

 

Del Gran Hotel de Francia al Hotel España (Publicaciones Arenas, 2025) publicábase a comezos deste ano e trala presentación na Coruña no mes de marzo, chegaba á que o autor considera a súa casa, na que sempre é ben recibido.

“En canto falo con Aurelio e lle comento que teño algo novo, sempre está disposto a presentalo, coas portas abertas, tamén nesta ocasión”. Con palabras de agradecemento ao presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado, que presentaba o acto, comezaba Manuel Luis a súa intervención para falar da súa quinta publicación, a terceira novela, na que afonda na memoria da hospedaxe na cidade herculina, percorrendo unha serie de feitos, anécdotas e vivencias acontecidas neste hotel, que el mesmo rexentaba na súa última etapa, entre os anos 1998 e 2008. Multitude de historias nun mesmo espazo e trazadas ao longo de 120 anos.

 

 

Ao longo dunhas 100 páxinas, cunha linguaxe fácil de ler e acompañado de imaxes, o autor vai narrando feitos que aconteceron dentro dese hotel o tempo no que funcionou como establecemento hoteleiro no centro da Coruña o Gran Hotel de Francia, cuxo nome mudaba na década dos 40 para converterse en Hotel España.

Antes da presentación, na que participaba Yahel Martín en representación do Casino, Luis Manuel asinaba libros, á venda no propio establecemento. Tal como o propio autor indicou, os beneficios do libro irán destinados á Cociña Económica “unha entidade sen ánimo de lucro que está dando de comer a moitísima xente desfavorecida dende 1886”.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Back to top button