En portadaÚltima horaVídeos

Multitudinaria IX Festa Coveira de Arcos (Vilamartín)

Unha ducia de covas, antigas adegas escavadas, abrían ao público con viños, deliciosos petiscos e música nesta edición

 

Numerosas persoas sumábanse na tardiña deste sábado en Arcos (Vilamartín de Valdeorras) a unha proposta que aúna etnografía ligada á vitivinicultura, viño, gastronomía e un ambiente único: a IX Festa Coveira.

Trátase dun evento xa consolidado no verán valdeorrés que, cunha entrada-cunca (de 18 euros na venda anticipada e de 20 euros este mesmo día) permite descubrir e desfrutar das singulares e antigas adegas escavadas baixo terra nesta localidade ao longo dun percorrido festivo no que se pode saborear os seus viños (brancos e tintos), ademais de Calimocho, auga de Valencia, coca-cola e refrescos.

 

 

Bebidas que se poden acompañar dun suculento abano de propostas culinarias como embutidos (chourizo, salchichón, lomo, xamón, lacón, queixo) e pancetada, ademais de petiscos diferentes segundo as covas: orella, sandwichs, paella, fritos variados, salchichas, bolos preñados, etc.

 

 

A música é outro ingrediente esencial e, desta volta, contábase coa Charanga Mekánika, Os Parrandas e Dj Isra. A continuación, facíase a xa tradicional procesión de Don Godellín. O remate da celebración era tamén musical e viña da man de Dj Tariro na praza da festa.

 

 

 

Esta Festa Coveira estará organizada pola Asociación de Coveiros de Arcos coa colaboración do Concello de Vilamartín.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button