Un ano máis e como cada segundo domingo do mes de xullo, a igrexa románica do Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, referente patrimonial do concello de Parada de Sil, acollía esta mañá a celebración da Romaría de San Bieito, Patrón de Europa, unha conmemoración entre relixiosa e lúdica que conta cada ano con moita participación.




Neste 2025 non foi unha excepción ás 13 horas iniciábase a misa no interior do templo cantada pola Coral Aqua Música e, a continuación saía a procesión coa imaxe do santo, amenizada pola charanga Bandiños Band, que tamén poñían ritmo á sesión vermú.



Pola tarde a festa continuaba no camping Cañón do Sil para todos os públicos. Nese mesmo punto había hoxe un menú especial para xantar a base de mexilóns ao vapor e lacón á galega; tenreira guisada con patacas; e torta da avoa, ademais de auga, viño da casa (branco e tinto) e gaseosa.

Para a celebración da romaría o alcalde de Parada, Aquilino Domínguez, suspedía esta mañá a visita de turistas ao mosteiro e o bus lanzadeira desprazou á veciñanza dende a vila volvendo subilos ao rematar os cultos.

En plena Ribeira Sacra ourensá e declarado BIC en 2008, o conxunto monumental e espiritual do Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil está encravado nunha “espectacular e grandiosa paraxe a carón do río Sil, no souto de Merilán, por debaixo do monte Varona”, acollendo outro tipo de actividades culturais como concertos de música sacra e clásica.

Fotos: Carlos G. Hervella.