No ecuador do mandato 2023/27 como presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor fai balance da súa xestión á fronte do goberno provincial e adianta as prioridades dos vindeiros dous anos. “Achegar a Deputación de Ourense a toda a provincia e, de modo especial, a todos os axentes económicos, sociais, culturais e deportivos. É dicir, seguimos facendo de Ourense unha provincia termal e saudable, unha provincia vertebrada e cohesionada grazas a unha coidada rede de estradas, potenciando a estabilidade financeira dos nosos concellos e cunha firme aposta por investir en talento, con servizos sociais adaptados á realidade, recuperando programas de apoio ao emprendemento feminino, estudando levar a toda a provincia os modelos de éxito da xestión da auga, apoiándonos na Intelixencia Artificial para ofrecer máis e maiores servizos aos concellos e á cidadanía, ou coidando da cativada para que vexan no deporte un mundo de valores ou en Ourense un gran escaparate de competición de alto nivel”.
Así o destacaba o presidente da Deputación de Ourense, acompañado polo seu equipo de goberno, nunha comparecencia ante os medios que tiña lugar na mañá deste 15 de xullo no claustro do Mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín), un escollido para “expresar a nosa absoluta confianza no éxito da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco”.
Menor falaba dun “mandato de fitos históricos”, en cuxos dous primeiros anos de mandato, se fixo “un intenso labor, creo que con significados resultados. Pero non por iso estamos conformes porque aínda é moi longo o camiño para seguir dando respostas ás necesidades dos nosos concellos e da cidadanía, respostas que precisan recursos e neste tempo conseguimos levar os orzamentos da Deputación de Ourense ata un fito histórico como foi superar os 100 millóns de euros, en concreto, 105M€ no presente ano, máis de 14 millóns con respecto ao 2023, onde eran 90”.
No apartado económico, Menor resaltaba especialmente a consolidación dun novo modelo de financiamento dos concellos a través do Plan CooperOU, “unha decidida aposta polo municipalismo, por ofrecer estabilidade e seguridade financeira e potenciar a autonomía e responsabilidade municipal. Neste 2025 o Plan CooperOU converteuse na columna vertebral do noso programa económico, xa que a totalidade do plan, 18M€ están incluídos nos propios orzamentos”. Tamén incidía na aposta por vertebrar o territorio, con 16M€ na mellora das estradas provinciais.
A maiores, expresaba o seu “compromiso co municipalismo, chegando a todos os concellos da provincia e ás sete mancomunidades de municipios, cunha cifra inédita ata o momento: 63,6M€ de financiamento directo a entidades locais”.
Aludía tamén ao “mantemento, mellora e incremento da seguridade nos 1.850 km de estradas provinciais, partimos en 2023 de 1,5M€, no 2024 pasamos a 7M€ e no presente ano engadimos ou chegamos a 9M€ máis, é dicir, dnde o inicio do mandato ata hoxe estamos destinando á nosa rede provincial de estradas unha cifra absolutamente histórica nos últimos anos de 16M€”. Ao mesmo tempo, lembraba que a Deputación de Ourense lograba “a débeda cero, cancelando en outubro do 23 o único préstamo que mantiña a Deputación, 2,8M€”.
Nova política de axudas
Este mandato, engadía Luis Menor, marcaba tamén “un cambio na política de axudas provinciais, incorporando novas liñas de subvencións para adaptarse ás novas esixencias da sociedade, ademais de incrementar as contías nalgúns casos ou actualizar criterios de repartición. Así, neste ano puxemos en marcha ou estamos a convocar axudas por importe de 812.000 euros”, mentres que se reforzaban outras con 320.000€, ademais dos 425.000 euros€ habilitados no 2024 para catro novas liñas. “A todo isto sumarase proximamente o plan provincial de vivenda, con 500.000 euros, que facilitará a rehabilitación de vivendas para aluguer ou uso social en todos os concellos da provincia, é dicir, neste mandato mobilizamos preto de 3,2M€ en novas liñas de axudas ou reforzo de subvencións”.
Fondos europeos
Luis Menor mencionaba ademais o esforzo de captación de recursos da súa xestión “cos que afondar na política de desenvolvemento provincial. Refírome á captación de fondos europeos con interesantes resultados, a Deputación logrou un financiación europeo cun importe próximo aos 18,4M€ aspirando a conseguir outros 12 M€. O proxecto europeo máis importante é o PERTE para a dixitalización do ciclo da auga, dun total de 13,2 N€, dos que contamos con achegas dos fondos Next Generation de 7,75 M€”.
Por volume de recursos destacaba tamén “a modernización dixital, tanto no labor administrativo da propia Deputación, como de asistencia a concellos, con preto de 4 M€ de fondos europeos.
As iniciativas en turismo tamén captaron recursos”.
E adiantaba que “aspiramos a conseguir outros 12 millóns de euros con dúas candidaturas aos Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Feder, cada unha por importe de 6M€, trátase dos plans de actuacións integrados de Valdeorras e Ourense Sur, cuxo importe total ascende en ambos casos a 10M€”.

Cooperación transfronteiriza e colaboración coas administracións
Ademais de destacar a cooperación transfronteiriza con Portugal, con especial incidencia na reserva da Biosfera Gêres-Xurés, o presidente incidiu en que a Deputación de Ourense “é a administración provincial galega que máis acordos ten co Goberno de Galicia”: case 15,5 M€ comprometidos en achegas a proxectos conxuntos como o Plan de Regadío da Limia; a loita contra os lumes forestais; o reforzo da atención aos maiores; e o parque acuático de Monterrei, sen esquecer a liña de colaboración aberta coa Deputación de Pontevedra para proxectos de eficiencia enerxética e enerxías renovables.
O presidente provincial lembraba ademais que, ao inicio do mandato tiñamos claro que cumpría apostar por novas ferramentas tecnolóxicas que facilitaran o contacto dos concellos cos servizos da Deputación e tamén para atender á cidadanía”, e dende entón comezaron a súa implatación con medidas como a protección dos concellos fronte aos ciberataques, a adaptación en tempo real dos padróns municipais ou a oficina virtual de atención ao cidadán, entre outras.
Empresas e formación
O goberno de Luis Menor tamén busca “abandeirar o desenvolvemento económico, e tamén social da provincia” e para iso, dicía, “resulta imprescindible poñer o foco nas empresas, nos autónomos e emprendedores, son os que xeran riqueza e emprego, por iso mantemos o compromiso coa Conderación Empresarial de Ourense para darlle continuidade ao programa ExportOU”, con máis investimento no 2025 (80.000 euros) e que en 8 anos leva máis de 300.000 usuarios rexistrados de 41 países.
Citaba seguidamente o programa AcelerOU, que axudou a 148 empresas á súa transformación dixital; ou o financiamento do 40% do custo do estacionamento seguro inaugurado no polígono de San Cibrao das Viñas, en colaboración coa Xunta de Galicia (500.000 € en total).
E lembraba o apoio a novas iniciativas en materia de formación, “investindo en talento”, como a primeira Feira de Educación ou a primeira promoción de FP Dual do ciclo superior de Formación para a Mobilidade Segura e Sostible.

Política Social e igualdade
Outro dos eixos nos que poñía o foco o presidente provincial era na política social. “Iniciamos o mandato cunha estratexia de apertura e proximidade ás entidades, non só establecemos un protocolo de acción máis áxil, tamén achegámonos directamente ás súas sedes para coñecer de primeira mano o seu traballo, a súa aportación social e, sobre todo, atender ás súas necesidades. Esta política social enmárcase nunha área, a de benestar, que ademais de traballar co terceiro sector, coopera coas entidades locais cofinanciando actuacións municipais así como prestando servizos sociais e desenvolvendo programas de diferentes naturezas por e para as persoas. Podemos citar, entre outros, o cofinanciamento do servizo municipal básco de axuda no fogar, que aumentou os recursos ata acadar 1.450.000 euros ou o programa ChegOU, “máis social que nunca, atendendo as discapacidades ou ás familias numerosas dos solicitantes; e a Teleasistencia, que ao final de ano alcanzará os 3.000 usuarios”.
En Igualdade, a Deputación mantén no tempo a celebración do Día da Muller co programa “8M, mes a mes”, no que se recoñece as vidas profesionais das mulleres en calquera ámbito laboral.
Medio Ambiente
Comprometidos coa “busca de solucións positivas para o medio ambiente e desde o punto de vista económico”, a Deputación centra os seus esforzos na xestión dos residuos, promovendo o uso dos puntos limpos e da compostaxe ou proxectos do ciclo da auga, participando a través do Consorcio de Augas de Valdeorras en iniciativas como Ruagua, na EDAR da Rúa, para a rexeneración de auga destinada a usos non domésticos.
Referíase así mesmo a “novas de liñas de actuación para control e eliminación de materiais perigosos como o gas radón, por ser Ourense a provincia galega con concentracións máis elevadas, ou no amianto, coa elaboración dun censo de instalacións con este produto”.
Termalismo
“Se algún factor diferencial hai en Ourense, ese é o termalismo, co seu potencial, está chamado a ser un dos principais motores económicos e sociais da provincia. Por iso centramos os nosos esforzos en darlle un pulo pero fundalmente dende unha perspectiva social, de benestar, de saúde e tamén de turismo”, apuntaba Luis Menor, poñendo en valor a posta en marcha de plans innovadores como o programa de respiro para os afectados pola DANA de Valencia; a loita contra a soidade non desexada; os nómades dixitais; os programas para lesionados medulares e persoas que sufrirán accidentes cardiovasculares; as terapias para patoloxías concretas; ou a apertura da primeira oficina termal AVE de España na estación intermodal.
E, como apuntamento nacional, dicía que a Rede de Vilas Termais da FEMP experimentou un significado impulso grazas á presidencia desta sección, que ostenta a Deputación de Ourense.
Turismo
No ámbito turístico a prioridade do goberno provincial foi desde un primeiro momento “explotar os factores que nos fan diferentes e converternos nun destino de calidade, de experiencias apacibles, sen masificacións e desestacionalizadas”.
Aquí Menor recordaba as campañas sobre termalismo e a Vía da Prata presentadas en Fitur, especialmente esta última mobilizando a máis de 300 persoas nas saídas por etapas desde o inicio da provincia ou desde a capital. As catro rutas en ecobarco recen estreadas e os máis de 100 servizos turísticos que acreditaron a súa calidade foron outros dos aspectos destacados por Luis Menor, que tamén se referiu ao AVE como vantaxe “aínda que as decisións políticas inxustas nos deixen sen frecuencias na Gudiña”.
Deporte e cultura
Se ao comezo do mandato destináronse case 5 M€ á mellora de infraestruturas deportivas, algúns proxectos cofinanciados pola Xunta de Galicia, o eixo da política deportiva foi a base, coa segunda edición este ano do programa de Fomento Deportivo con case 3.000 rapaces de toda a provincia participando nesta edición nalgunha das disciplinas.
Ademais da captación de talento grazas á bolsa “Motor futuro” tamén destacaba o impulso á provincia como escaparate de eventos deportivos nacionais, cun orzamento de 800.000 € para competicións en baloncesto, fútbol ou ciclismo, e 200.000 € máis para as 20 modalidades das Copas Deputación.
E no ámbito cultural compre citar a 30ª edición do Ourense Film Festival (OUFF), que inicia unha nova etapa con novo equipo de dirección, así como as 2.000 actividades que acolleu o Centro Cultural Marcos Valcárcel ou os preto de 200 espectáculos no Teatro Principal.

Presenza no territorio, diálogo e consenso
Toda esta actividade, advertía Luis Menor, “non sería posible sen pisar o territorio”, de aí a visita oficial ao 70 % dos concellos, as axendas de traballo periódicas en Valdeorras, ou a participación en preto de 2.800 actividades, das que ao redor de 1.000 foron da presidencia e o resto corresponderon a deputados, asesores ou directores de área.
O presidente da Deputación de Ourense valoraba ademais “a política de diálogo e busca de consenso” con todos os grupos políticos da Corporación. Así, das 86 mocións presentadas por todos os grupos desde o inicio do mandato, case o 30 % foron aprobadas por unanimidade e 4 presentadas de modo conxunto (pacto do Pedre sobre a N-541; respaldo a traballadores Ilunion; xestión pública e directa do CAPD; estación da Gudiña).
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.