En portadaÚltima horaVídeos

París de Noia, Olympus ou The Rapants, propostas musicais das Festas do Cristo do Barco que se celebrarán do 12 ao 15 de setembro

 

Cun presuposto máis elevado que outros ano (uns 136.000 euros) e como un “referente para todos os valdeorreses e valdeorras”, se presentan este ano as Festas do Cristo do Barco de Valdeorras que se celebrarán do 12 ao 15 de setembro.

Tal como explicaba a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, na rolda de prensa que tiña lugar na mañá deste mércores 16 de xullo, normalmente fan a presentación con toda a cartelería pero nesta ocasión “como xa hai moitos rumores pola rúa”, quixeron adiantar o groso do programa, nomeadamante o apartado musical, o encargado do pregón e o autor do cartel.

 

 

Sen chegar ao nivel de Ponferrada “quen queira ver a Leiva teráo alí”, Margarida asegura que o programa do Barco ten moito traballo detrás, de feito “empezamos a traballar nel o 18 de setembro do ano pasado”, dixo desvelando que este ano será unha muller quen lea o pregón, a valdeorresa Eva Arias, “unha imprescindible durante moitos anos na Milla Urbana que se celebra o domingo das festas”.

Con respecto ao cartel, será obra doutro valdeorrés malia “no vivir aquí todo o que el quere”, Anxo Baranga. Un artista polifacético que repite obra. “Un deseño seu xa formou parte do cartel das Festas do Cristo pero queremos repetir xa que estas festas sempre tiveron unha parte artística como o Valdearte no seu momento, despois Embarcarte e Anxo nunha expuxo no Barco malia ter unha obra espectacular dunha calidade moi salientable e queremos que os valdeorreses e os barquenses se sintan valorados en vida”, polo que o cartel virá acompañado dunha exposición que traerá algunha sorpresa.

 

 

O máis salientable nas festas é o apartado musical e este ano “botamos a casa pola ventá sendo todas as orquestras de primeiro nivel”. O vernes actuará o grupo Cañón cun repertorio e posta en escena moi peculiar con moito rock e versións; o sábado estará a orquestra La Fórmula; o domingo, día grande, a París de Noia; e o luns, día festivo local, a Olympus como remate de festas. No tocante aos concertos, haberá grupos locais como Navegando a Barlovento que será o teloneiro do grupo forte, The Rapants, o sábado día 13 no campo da festa. O domingo, Día do Cristo e o máis apretado co Madrugón, a procesión, a Milla, os fogos artificiais,… haberá outro concerto máis íntimo pero tamén de gran calidade, na praza Maior a cargo de Caamaño & Ameixeiras dúas mulleres moi premiadas.

 

 

Tamén haberá espectáculos de rúa, destacando o venres unha sesión de circo a cargo dunha compañía colombiana; Os Pamplinas acompañando ás Calantornias; Unión Phenosa na Festa das Pandillas; charangas Brisas do Sil, Raiola de Sol e Nova de Trives; a Banda de Música Ciudad de Ponferrada acompañando á procesión e actuando pola tarde; teatro infantil; e os imprescindibles deportivos (fútbol sala, petanca, Descenso do Sil, Milla Urbana,…).

Este ano publicarán o calendario de tirada de bombas e manterán a hora silenciosa nas atraccións.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver

Back to top button