Levaban un tempo pensando en organizalo pero non era ata este ano cando nacía un novo festival man da Asociación Cultural Abertal e o Concello da Rúa, con diferentes actividades vencelladas á cultura tradicional galega.
Na xornada do mércores 23 de xullo, celebrábase o I Festival de Gaitas ‘Sons da Rúa’, unha proposta que se suma neste mes de xullo ao calendario festivaleiro en Valdeorras con obradoiros, desfile de bandas e actuacións.



Pola mañá, no paseo do Aguillón, celebrábanse dous obradoiros abertos e gratuítos para grandes e pequenos, un de baile e outro de percusión caseira con caldeiros. E xa pola tarde, arredor das 20 horas comezaba un desfile polas rúas do concello coa Banda de Gaitas As Portelas de Lubián (Zamora), a Banda de Gaitas, Pandereteiras e Grupo de Baile de Abertal da Rúa.
As actuacións comezaban ao rematar o fesfile, na praza do Concello da Rúa onde eran recibidos pola veciñanza. Actuaban por separado e tamén todos xuntos, adicando a peza a Raquel Gutiérrez, veciña da Rúa e membro do Centro Galego de Pamplona. Tal como explica Manolo Durán, tocaban a muiñeira Xuliño que “Emilio Estévez compuxo adicándolla ao seu irmán Xulio con arranxos de Diego Prieto para gaitas en FA grave”.
Trátase dunha peza que sstá ensinándose na maioría dos centros galegos e grupos de Latinoamérica, Europa e do Estado, composta polo marido de Raquel, falecido hai anos do ELA, “que fixera a sua despedida como músico no Centro Cultural Avenida coa Banda de Música de Navarra que él dirixía, coa colaboración de Abertal”, destaca Durán, de aí a emoción coa que actuaban onte.



Foi un bonito encontro, especial para os membros da banda de gaitas de Abertal que uns días antes tocaban xunto a Carlos Núñez no adro do Santuario das Ermidas, no Bolo. Un deles, Martín, estreaba na Rúa a súa mouteira cun deseño do seu tío avó, o artista de Valbuxán Yosso.




Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.