A adega valdeorresa A Terriña, pertencente á Denominación de Orixe Valdeorras e con sede en Petín, recibía este mediodía a visita do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen poñía en valor o papel transformador do enoturismo como motor económico e social do rural galego. Desde o enclave vitivinícola, destacou o modelo turístico polo que aposta o Goberno galego, definido pola súa sustentabilidade, competitividade e vinculación coa identidade propia de Galicia. “Quen veña aquí ten a combinación perfecta: proba un viño magnífico e ademais pode desfrutar das paisaxes destes concellos”, remarcaba o presidente.

Rueda estaba acompañado nesta visita pola conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana; polo director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; e polo delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, entre outras autoridades, como os alcaldes dos nove municipios da comarca de Valdeorras, polo director do Clúster de Turismo de Galicia, o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras e o presidente da Asociación Empresarial de Valdeorras.

Tras percorrer algunhas das instalacións de Terriña, acompañado por Juan Luis Méndez-Rojo, CEO de ViniGalicia (firma que conta con outras adegas en denominacións de orixe galegas), quen lle daba a benvida ao presidente. “Falo en nome dunha empresa familiar, son a terceira xeración, nacemos en Chantada, e dende hai 14 anos que estamos en Valdeorras. Gústanos os lugares rurais, pequenos e gústanos apostar por estas zonas de cara ao futuro”. A súa intención é seguir medrando e “estar aquí para nós é básico e estanos abrindo portas no mercado nacional e internacional”. E, ademais poñía en valor o godello elaborado en Valdeorras.
Tamén matizaba que este acto enmárcase dentro da liña do enoturismo pola que está apostando Terriña e referíase a que as axudas recibidas neste senso vanse dirixir a unha nova zona de cata, as visitas vanse dixitalizar, entre outras iniciativas.

Méndez-Rojo comentaba así mesmo que o mundo do viño vive actualmente “un momento un pouco complexo, con cambios de hábitos de consumo”, e pedía que, “entre todos, non vexamos unha botella nun restaurante ou nun lineal como algo produto dunha adega, senón todo o que hai destrás, a distribución, o hostaleiro e, sobre todo, o viticultor, creo que temos que axudar a que, cada vez máis, o viño forme parte dese día a día, porque é un sector que move moitísimo”. Finalmente agradecía o labor do equipo de Terriña e de ViniGalicia “para que sigamos dando pasos dende Galicia e para representar a Galicia no mundo a través dos viños”.
A continuación interviña a alcaldesa de Petín, Raquel Bautista, quen agradecía a visita o presidente e do resto de autoridades e “a todos os traballadores que forman parte desta gran familia que é Adegas Terriña. Estamos nun lugar privilexiado e supoño que no momento no que Juan Luis e o seu pai viñeron porque foi algo que lles namorou e, á parte, co clima que temos e o tipo de solo, que moito levan traballado nesta terra, pero que moitos logros estalles dando”.

A rexedora presentaba o de Terriña como un “dos 53 proxectos” que lograron o apoio de Turismo de Galicia, “co fin de promover un turismo que combina diferentes sectores e que nos ofrecen experiencias diferentes, pero tan satisfactorias que seguro que nos obriga a repetilas”. E, deseguido, agradecía que elixira a adega Terriña en Petín para facer esta presentación “porque é o mellor lugar”.
Nesa mesma liña, Rueda salientaba o valor do enoturismo e que A Terriña é un exemplo de como tradición e vangarda poden convivir, grazas ao impulso de proxectos que contan con apoio público. Neste senso, lembrou que esta adega forma parte dos 53 proxectos beneficiarios das axudas da Xunta para iniciativas enoturísticas, cun investimento global de 5,5 millóns de euros procedentes dos fondos Next Generation. Estas achegas permitiron implementar melloras como novas salas de cata, percorridos guiados ou sinalización dixital.

O titular do Executivo autonómico aproveitou a ocasión para anunciar unha nova liña de axudas dotada con 3,5 millóns de euros, que se convocará no último trimestre do ano, “para pechar o ciclo do que ese mundo. Hai moita xente relacionada co enoturismo, pero que lle dá moito valor a sositiblidade e medioambiente”, entón vai ir destinada a promover a mobilidade sostible no ámbito do enoturismo co apoio á compra de bicicletas, patinetes eléctricos, instalación de puntos de recarga, entre outras. “Toda a xente que vén aquí demanda tamén eses servizos, e servirá para axudar ás adegas para poder dar todos estes servizos”, destacou. Insírese no Plan Territorial de Enoturismo de Galicia 2023-2025, que inclúe tres Accións de Cohesión Territorial impulsadas pola Xunta nos últimos anos, cunha dotación de 11,5 millóns de euros só para o sector enoturístico, que están a contribuír á creación de novos establecementos turísticos e ao desenvolvementos de proxectos enoturísticos como a propia A Terriña.
No marco do Plan, referiuse tamén ás tres Accións de Cohesión Territorial impulsadas nos últimos anos, cunha dotación de 11,5 millóns de euros, que están a contribuír á creación de novos establecementos turísticos e ao desenvolvementos de proxectos como a propia A Terriña.

Rueda fixo fincapé no potencial do enoturismo como unha das modalidades con maior crecemento a nivel mundial, e subliñou a oportunidade que representa para Galicia, tanto pola súa riqueza patrimonial como polas súas cinco denominacións de orixe. Reivindicou a importancia de consolidar este tipo de enoturismo como vía para fixar poboación, xerar riqueza e crear emprego cualificado no rural: “Temos un futuro moi ilusionante por diante. Nos estamos incorporando a todo o que o mundo do enoturismo reclama”, apuntou o presidente.

A aposta pola calidade e a autenticidade como sinais de identidade do turismo galego centraron tamén a intervención do presidente, quen reiterou o compromiso da Xunta con proxectos que leven o selo de Galicia Calidade e que permitan ao sector abrirse ao mundo cunha oferta diferenciada e sustentable.

Ademais Rueda facía un chamamento a seguir traballando de xeito conxunto para consolidar un modelo turístico que faga de Galicia unha referencia a nivel global: ”Xa se conseguiron moitas cousas, pero a min o que máis me ilusiona é que só estamos ao principio e a onde cheguemos dependerá de todos nós. Temos un futuro moi ilusionante, creo que nos estamos incorporando a todo o que é o mundo do enoturismo e que ademais ten un gran compoñente de turismo nacional, sei que outras comunidades autónomas españolas que fan moito enoturismo estanse fixando en Galicia, e iso interésanos moito tamén. Só estamos no principio e o que consigamos dependerá de todos nós, dos adegueiros e tamén dos responsables públicos que temos que botar unha man”.


E concluía asegurando que, neste senso, quen veña a Terriña “ten a combinación perfecta, proba un viño magnífico, igual que pode probar outros viños desta denominación, que está collendo moitísima potencia e, ademais, pode desfrutar das paisaxes de todos estes concellos e coñecer todo que esta zona pode ofrecer. Esta comarca está máis cerca de Galicia do que moita xente pensa e, para achegalo aínda máis, hai que facer iniciativas como estas”.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.


