EconomíaEconomíaÚltima horaVídeos

O Barco CCA rende homenaxe a Charo López, que pecha a súa tenda tras 35 anos

O presidente e a xerente da entidade dábanlle unha sorpresa este mediodía agasallándoa cun ramo de flores

 

Totalmente sorprendida e moi emocionada e feliz recibía esta mañá Charo López unha inesperada visita na súa boutique no Barco. O presidente e a xerente do Barco Centro Comercial Aberto (CCA), Jacobo Arias e Ángeles Vispo, rendían unha homenaxe agasallándoa cun ramo de flores no último día de apertura do seu establecemento. “É algo que te mereces e dende o conxunto de asociados do CCA queremos darche as grazas, grazas e moitas grazas. Aínda nos queda un último suspiro contigo que é a pasarela, que será en setembro. Ogallá que chegamos aos anos que levas ti traballando, feliz e cunhas ideas de traballo iguais e de referencia. Hoxe é moi difícil competir no pequeno comercio, hai que pasar moitas horas, pero oxalá os que estamos cheguemos á xubilación coma ti, así que agora desfruta”, dicía Jacobo Arias.

Tamén expresaba Jacobo Arias o seu agradecemento en nome da Federación Galega de Comercio, da Federación Provincial de Comercio e tamén da Dirección Xeral de Comercio, todos están encantados co que ti es e fixeches”.

 

 

Charo López, que tamén foi presidenta do CCA, pecha tras 35 anos á fronte dunha coñecida e valorada tenda de moda (na rúa Doutor Pérez Lista), especialmente centrada en eventos, caracterizada por deseño de recoñecidas marcas e pola súa elegancia. Algo polo que apostaba xa dende os seus inicios e que mantivo ata este 31 de xullo, no que se despide dun oficio que ama para iniciar unha nova etapa: a da xubilación.

Ademais Charo López destacaba a importancia do asociacionismo no comercio, especialmente no momento actual. “Eu son asociada dende o principio do CCA e este é o camiño que nos queda aos pequenos. Estou moi emocionada”, comentaba entre bágoas, “de felicidade”, matizaba.

 

 

Neste xoves Charo recibía as visitas das súas últimas clientes, cun local, practicamente baleiro de prendas. “De feito a miña intención era pechar o día 14 de agosto, pero decidín adiantalo a hoxe”. Ademais expresaba o seu agradecemento ás súas clientes, polo seu apoio nestes anos, e tamén ao equipo de persoas que sempre estiveron ao seu carón para ofrecer calidade nos seus produtos e servizos, cunha mención especial ás modistas, tamén as casas comerciais, aos seus provedores, que en moitos difíciles como a pandemia de Covid a respaldaron.

 

 

 

Pecha así Charo López unha etapa fundamental da súa vida, na que di, “non podo falar de malos momentos, si é certo que tiven que traballar moito ao principio, pero sempre me sentín feliz. Só podo falar de como respondeu a xente  e como valorou a miña mercadoría”, e neste senso, recorda o apoio da súa familia, o seu marido Arsenio (que tamén a acompañaba nesta derradeira xornada) e da súa filla.

Fotos: A.R.

Vídeos: O SIL.

 

Back to top button