En portadaÚltima horaVídeos

Un divertido pregón “entre brindes” abre a XXVII Festa das Covas de Vilamartín

 

“A Pequena” ruta pensada para que poidan desfrutar os coveiros, verdadeiros artífices da festa na zona de Cerdeirais, celerbada na tarde deste venres 1 de agosto marcaba a conta atrás para a XXVII Festa das Covas que reunirá mañá a miles de persoas en Vilamartín de Valdeorras.

 

 

En torno ás oito e media e coa música das charangas animando o ambiente comezaba o pregón a cargo nesta ocasión a dúas ruesas, a arquitecta técnica Carina Rodríguez e a produtora e creadora de contidos audiovisuais Cristina de la Torre que daban un divertido e atípico pregón a dúas mans e entre grolos de viño, cunha xarra a modo de temporizador “para marcar a duración”. Presentadas polo presidente da Asociación de Coveiros de Vilamartín, Manuel Ferrer, Carina e Cristina comezaban explicando a relación cos coveiros. “Levabamos tempo interesadas no mundo das covas de Valdeorras. Cada unha no seu eido lideramos diferentes proxectos: traballos arquitectónicos, urbanísticos, un documental… Ata que un día recibimos un encargo de Turismo de Galicia: facer un libro sobre as covas de viño. O que ía ser un traballo sinxelo acabou convertido nunha investigación de máis dun ano e que comezamos co que parecía unha boa idea: contar as covas”, dixo Carina, ao que Cristina contestou que “non foi unha boa idea”.

 

 

 

Ou polo menos, non foi unha idea rápida de executar, pois pasaron meses contando, aldea a aldea, barrio a barrio, preguntando, localizando, fotografando… “E sempre coa axuda de veciñanza que como Tito, Pepe ou Manolo, da Asociación de Coveiros… pasaron horas connosco e nos facilitaron moitisima información”. E mentras contaban, fumos descubrindo cousas. “A primeira, que en Valdeorras hai moitas covas. E de moitos tipos, tamaños e factura, sendo as de Vilamartín dunha tipoloxía única, con caño, cubo e refolgadeiro. A segunda, que as covas de viño son un fenómeno cultural clave na identidade desta comarca. E a terceira, e máis importante: que todo isto, que haxa tantas e sobre todo que se conserven, é un pouco culpa vosa”.

 

 

Tirando man de hemeroteca, lembraron que Vilamartín celebrou o 3 de agosto de 1997 a súa primeira Festa das Covas, daquela chamada Ruta das Covas. Segundo a crónica da prensa, naquela ocasión abríronse vinte covas, os asistentes pagaron cincocentas pesetas, rematou cunha queimada no Bañadoiro e o toque musical púxoo a tuna de Ponferrada. “E daquelas primeiras bandurrias, esta gran festa que foi sen sabelo, o impulso que precisabamos en Valdeorras para que as covas de viño recuperaran valor e visibilidade, para que se converteran no símbolo que son hoxe”.

 

 

Ante os asistente recoñeceron que “sen a Festa das Covas de Vilamartín posiblemente hoxe non estariamos falando deste patrimonio tan numeroso, importante e singular. En moitas aldeas existían covas, si, pero non se coñecían máis aló do ámbito privado ou veciñal. O voso exemplo foi contaxioso e inspirou a outros. Apareceron celebracións en Seadur, no Castro, en Arcos… e moitas covas que estaban en desuso, ou sen coidar, incluso cheas de escombro, foron limpadas e acondicionadas para facer o que máis nos gusta nesta comarca: recibir cun vaso de viño”, dixo Carina lembrando que “as covas están aquí grazas aos antergos que as excavaron con esforzo, pero se seguen en pé é grazas a vós e ás vosas familias. Porque teñen vida propia, sabédelo ben. Hai que ventilalas, renovar as cubertas, ter conta das filtracións, mantelas saneadas… Por iso, dende aquí, o noso máximo recoñecemento ao voso compromiso, implicación e esforzo diario por conservalas”.

 

 

Antes de pechar cun interminable brinde (polos coveiros, pola ruta, por Valdeorras,…) destacaron que o de mañá “non é un día, é un acontecemento”. Porque corenta e catro covas abren as súas portas para compartir con quen queira visitalas unha sensación que eu revivo cada vez que entro nunha.

 

 

E tras o pregón, como vén sendo habitual, a Asociación de Coveiros de Vilamartín rendía homenaxe a dous coveiros que recibían cadanseu ramo de flores e placa, igual que as pregoeiras.

 

 

De seguido e xa ao ritmo dos grupos, comezaba a ruta, primeiro comendo nos dos postos instalados na rúa e despois polas covas desta parte de Vilamartín. Mañá, serán os coveiros os que se encarguen de abrir o resto espallado por toda a localidade para recibir a multitude de persoas, boa parte delas chegadas dende fóra da comarca e mesmo dende fóra de Galicia.

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Back to top button