Cambiar o envellecemento por lonxevidade. É o obxecto do conxunto de políticas e accións que aposta por promover dende hai case cinco anos o Concello de San Xoán de Río. “Temos un plan que queremos promover, o novo modelo é o turismo xerativo, un proxecto que calquera pode copiar. Un turismo cun impacto positivo para a nosa poboación. Queremos que a xente veña a ver por que aquí vívese máis e mellor”. Así o destacaba o seu alcalde, Xosé Miguel Pérez Blecua, na apertura do I Festival da Lonxevidade, que se desenvolverá do 8 ao 9 de agosto, cun amplo programa que inclúe ponencias, visitas, unha romaría e mesmo un acto de homenaxe aos médicos que teñen pasaso pola localidade.
A apertura deste evento tiña lugar ás 11h., tendo como escenario a igrexa parroquial de Río, coas intervencións do seu alcalde e do director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles. O rexedor comezaba explicando o camiño percorrido neste proxecto. “No 2021 recibimos un correo no Concello do Wall Street Journal interesándose en facer unha reportaxe neste municipio por ser o lugar máis envellecido de Europa, xa que máis da metade da súa poboación supera os 65 anos. E dende entón levamos 5 anos intentando cambiar o envellecemento coa lonxevidade. No 2022 apostarnos por dirixirnos a Europa coa idea de solicitar ser un laboratorio vivo, como lugar cun maior grao de envellemento, para ver que políticas funcionan e cales non para practicalas no resto de lugares. No ano 2023 presentámonos a un concurso da Universidade de Estremadura, Rede Internacional de Pobos para a Aprendizaxe, e este é terceiro ano no que estamos traballando nunha rede con pobos de toda Europa tecendo redes con políticas que poidamos aplicar aquí”.
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia resaltaba na súa intervención a calidade de vida e o benestar do rural galego como atractivos do plan de turismo rexenerativo de Río, que apoia a Xunta. Precisamente, o Plan de Turismo Xerativo pretende converter a San Xoán de Río nun referente de investigación da lonxevidade e benestar a través do Laboratorio Rural de Lonxevidade. Segundo salientou o director de Turismo de Galicia, “este permitirá experimentar e validar novas formas de vida na Europa rural do futuro, baixo as claves dun estilo de vida máis lento pero activo, conectado á terra e en convivencia coa comunidade”. A iniciativa quere indagar no potencial deste modo de vida para reverter o abandono de áreas rurais e axudar a súa revitalización social e económica.

O Plan está promovido pola Escola de Turismo Xerativo e entre as accións que se presentaron hoxe está a creación dunha Rede Internacional de Pobos Lonxevos, unha plataforma destinada a conectar iniciativas que promoven o envellecemento activo desde o local. Nela participan representantes de España, Portugal e Bélxica, con vontade de expandirse a outros territorios.

A celebración da primeira edición do Festival da Lonxevidade, no que foi presentado o Plan, enmárcase dentro do propio proxecto. Este evento xuntará durante dous días, 8 e 9 de agosto, a representantes de comunidades rurais de distintas rexións de España, profesionais da saúde e do ámbito social, investigadores, responsables públicos e veciñanza para reflexionar colectivamente sobre o potencial da lonxevidade como motor de desenvolvemento sostible.
O director de Turismo de Galicia incidiu en que o proxecto alíñase coa estratexia turística da Xunta, “que potencia un modelo de turismo respectuoso co medio ambiente, que valorice o destino e que destaque a súa singularidade, sempre desde a sostibilidade do modelo e a súa integración coa poboación local”.

Deseguido, dábase paso a un bloque de boas prácticas relacionadas coa lonxevidade coa participación dos seguintes relatores que presentaban os seus respectivos proxectos: Laura Seara, Pablo García, Pilar Rodríguez, Elisa Pelayo, Ana Isabel Sánchez e José Vicente Granado.
O programa completo deste I Festival da Lonxevidade pode consultarse aquí
Cartel-Programa Festival Longevidad_CAS
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.


