
Tres son os incendios forestais que arestora permanecen activos na provincia de Ourense, segundo vén de informar a Consellería do Medio Rural. Un deles é o de Mormentelos, no concello de Vilariño de Conso.
Desde as 17.30 horas de hoxe está activo un lume na, parroquia de Mormentelos, que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 20 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 3 axentes, 5 brigadas, 3 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 1 helicóptero e 4 avións.

Activo Chandrexa de Queixa-Requeixo
Continúa tamén activo desde as 15.51 horas do venres o incendio forestal do concello de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 900 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, ata o momento, 11 técnicos, 33 axentes, 55 brigadas, 26 motobombas, 5 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 12 helicópteros e 11 avións.
Activo Maceda-Castro de Escuadro. Desactivada Situación 2
Segue activo, desde as 23.19 horas de onte sábado, o incendio do concello de Maceda, parroquia de Castro de Escuadro, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 370 hectáreas. Iniciouse en entre cinco e seis puntos case simultáneos, o que apunta cara unha clara intencionalidade. Neste lume xa foi desactivada pola mañá a Situación 2, que fora declarada de madrugada pola súa proximidade ao núcleo da Teixeira. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 3 técnicos, 11 axentes, 17 brigadas, 14 motobombas, 4 pas, 3 helicópteros e 6 avións.
Controlado Padrenda-Padrenda
Está controlado, desde as 22.03 horas de onte, o lume que afecta o concello de Padrenda, parroquia homónima, que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 40 hectáreas. Para a súa extinción, mobilizáronse polo de agora 7 axentes, 19 brigadas, 7 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 2 avións.