Ata o Centro de Coordinación Operativa (CECOP) de Ourense acudía ás 20h. deste 12 de xullo o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para facer seguimento da grave situación que atravesa a provincia polos 8 incendios forestais que arestora están activos nela. Rueda estaba acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e polo delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
En primeiro lugar, Rueda amosaba o seu agradecemento ao traballo “que están a facer agora mesmo moitísimos efectivos en toda Galicia, medios terrestres e aéreos, a Unidade Militar de Emerxencias, e desexar que os tres brigadistas municipais de Oímbra, que están agora mesmo hospitalizados que se poidan recuperar canto antes”.
O titular do goberno galego sinalaba que “a climatoloxía que estamos tendo non axuda nada, con as altas temperaturas e refachos de vento moi fortes” e incidía en que “moitísimos dos incendios que se están a producir nestes momentos son provocados. Polo tanto, hai que volver a dicir que perseguiremos ata o final e intentaremos dar con todos aqueles que os están provocando, coas consecuencias que estamos vendo, achegándose a moitas casas, cunha situación 2 onde hai que facer confinamentos, incluso desaloxos, no concello da Mezquita foi desaloxada unha residencia da terceira idade, confinamento na tamén no incendio que está afectando á Estación de Montaña de Montaña de Manzaneda, e moitísimas ameazas por estes incendios”.
Así mesmo, o presidente sinalaba que “está declarada dende a mañá a situación 2 en toda a provincia de Ourense, o cal permite actuar coa maior axilidade posible, máis facilidade para intercambiar medios entre os diferentes incendios e recabar medios doutras administracións e imos seguir traballando”.
Ao mesmo tempo, recoñecía que “as perspectivas en canto a temperaturas non son boas, non se anuncia un enfriamento destas temperaturas e, polo tanto, as condicións para evitar que se produzan incendios non son boas e sigo facendo ese chamamento á maxima precaución e esa advertencia para as persoas que queiman os montes”.
Alfonso Rueda comentaba ademais que “na provincia de Ourense, tanto as autovías como as estradas nacionais cortadas en diversos puntos e, en canto poidamos, volverase a restablecer o tráfico, pero loxicamente nestes momentos as tarefas de extinción e a seguridade das persoas que usan estas vías é o primeiro. Polo tanto, a situación é complicada, seguimos traballando e agradezo moitísimo a todo o dispositivo de incendios da Xunta de Galicia e a todos os corpos de emerxencia pertencentes a concellos, á administración xeral do Estado, ás deputacións que nestes momentos nos están axudando. Ogallá que os 8 incendios que están activos na provincia de Ourense e algún máis en puntos das outras provincias galegas intentaremos que, cando menos estean controlados e estabilizados no menor tempo posible”.