
A área sanitaria vén de incorporar un médico residente do Corpo Militar de Sanidade ao Servizo de Anestesia e Reanimación do Hospital Universitario de Ourense, no marco do programa de formación sanitaria especializada que o Ministerio de Defensa desenvolve en colaboración co Sistema Nacional de Saúde. Trátase da primeira vez na historia da actividade docente do centro hospitalario ourensán que un profesional en formación militar se integra na súa estrutura.
A presenza deste residente, que ten o empleo de tenente médico, reforza o carácter docente do hospital e representa un exemplo de cooperación entre institucións civís e militares para garantir unha formación médica de alta calidade, cun enfoque integral e multidisciplinar.
Neste contexto, o Hospital Universitario de Ourense foi seleccionado como centro colaborador para a formación dun residente militar en anestesioloxía e reanimación, unha especialidade clave tanto no ámbito civil como no militar, polo seu papel en cirurxías, coidados críticos e atención a grandes emerxencias.
O proceso de incorporación ao Corpo Militar de Sanidade está regulado por convocatorias públicas do Ministerio de Defensa, e require o cumprimento de esixencias físicas, académicas e persoais moi estritas. Tras superar probas teóricas, prácticas e entrevistas, os aspirantes acceden a unha formación especializada que pode desenvolverse tanto en centros militares como en hospitais civís integrados no Sistema Nacional de Saúde.

Xeralmente os médicos militares desenvolven funcións asistenciais dirixidas principalmente ao persoal das Forzas Armadas e ás súas familias, pero tamén están preparados para intervir en situacións de emerxencia nacional ou internacional, ofrecendo atención á poboación civil en contextos de crise humanitaria, desastres naturais ou conflitos armados.
Este perfil combina competencias clínicas avanzadas con habilidades en xestión de emerxencias e medicina en contornos hostís, o que converte estes profesionais nun valor engadido dentro do sistema de saúde. A formación nun contorno hospitalario civil como o de Ourense permite ao residente adquirir unha visión máis ampla, integradora e versátil da medicina.
Desde a dirección da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, valórase de forma moi positiva esta incorporación, que subliña o compromiso do hospital coa excelencia formativa, a cooperación entre administracións e a preparación de profesionais altamente cualificados.
A doutora Leticia Gómez Viana, médica do servizo de Anestesia e Reanimación e titora do novo residente, destaca que “a chegada dun residente militar non só enriquece a dinámica do noso servizo, senón que achéganos unha perspectiva diferente da medicina, cun alto nivel de esixencia, disciplina e unha preparación especial para afrontar contextos extremos”.

Ourense, 45 anos de docencia MIR e referente en formación na atención ao paciente crítico
O sistema sanitario público de Ourense ten unha dilatada experiencia na formación universitaria postgrao, con 45 anos de docencia, vía MIR, nas distintas especialidades hospitalarias e, desde 1991, de Atención Familiar e Comunitaria, área na que conta coas especialidades de Medicina e Enfermería Familiar e Comunitaria (EIR). Contando tamén coas distintas especialidades de enfermería como son Obstétrico-Xinecolóxica (Matrona), Pediátrica e de Saúde Mental.
Para guiar aos futuros especialistas ao longo de toda súa etapa de formativa, e coordinar súa formación teórico-práctica, o Servizo Galego de Saúde conta en Ourense con preto dun centenar de titores e colaboradores, repartidos nas 22 unidades de docencia, unha por cada especialidade, contando ademais cunha Unidade Docente Multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria.
Cómpre subliñar que na actualidade, xunto ao residente militar Jorge Lancho, están a formarse no Servizo de Anestesia e Reanimación un total de catorce residentes cunha estancia formativa de catro anos de duración titorizados na actualidade por cinco profesionais do servizo: Leticia Gómez, Nuria Carballo, José Abellán, Ramón del Río e Manuel González, profesionais de recoñecida experiencia e encargados de planificar, xestionar, supervisar e avaliar o proceso de aprendizaxe dos residentes.
Ourense tamén é referente en España na formación de profesionais para a atención inmediata ao paciente crítico xa que o Hospital Universitario de Ourense leva quince como sede do prestixioso curso ATLS (Advanced Trauma Life Support) que promove a Asociación Española de Cirurxáns replicando o modelo formativo de atención ao paciente politraumatizado do Colexio Americano de Cirurxiáns, graves en risco vital, onde a rapidez e as técnicas de actuación son claves. Tamén é sede do curso intensivo e práctico de manexo avanzado do paciente politraumatizado, o curso ETC “European Trauma Course”, considerado de referencia para a formación de responsables e membros de equipos de primeira intervención con estes pacientes críticos.
O Hospital Universitario de Ourense ven organizando estes cursos, grazas a contar entre os seus médicos con seis profesionais, dos servizos de Neurocirurxía, Urxencias e Anestesia e Reanimación, acreditados polo American College of Surgeons como instrutores destes prestixiosos cursos.