
Unha das moitas aldeas de Chandrexa de Queixa ameazadas polos dous grandes que nestes días asolan o municipio é Espasa. As chamas rozaban a localidade na tardiña do martes 12 de agosto. “O lume leva dende o venres achegándose á nosa aldea, o sábado e o domingo ía crecendo, pero xa o luns informáronnos de que estaba chegando alí e subimos”, lembra Luis Álvarez, natural deste pobo pero que agora reside no Barco.
Con todo, non era ata o martes cando verdadeiramente se complicaba a situación en Espasa. O lume, iniciado hai días en Requeixo (Chandrexa), chegaba ao núcleo de poboación. “Os veciños estabamos alí preparados, nese momento coincidiu que estaba alí a UME, e apagaron todo o que era arredor, fixeron cortalumes con algunhas retroescavadoras que había do servizo de extinción de incendios. Porén, ao anoitecer, como había lume na Estación de Manzaneda, todos os medios fóronse ata alí e quedámonos alí os propios veciños xa que o lume non estaba apagado de todo. Como había risco de que seguise cara a aldea, pois á unha da madrugada foi cando decidimos, entre todos os veciños, ir alá e, como puidemos apagalo”, conta Luis Álvarez, quen non reprocha que se marcharan aos medios, ao contrario, considera que, dada a gravidade da situación en Manzaneda, era o lóxico.
“Estaba ardendo a estación e había un campamento con moitos nenos, que ao final e os medios tivéronse que ir. Nós quedamos alá e, grazas á boa vontade de todos os veciños, de noite metémonos a apagar o lume, porque se o deixaramos, seguiría, que é o que está pasando, segue ardendo, era como un flanco de 1 km e seguía ardendo e baixaba, e ía coller outra vez cara aldea, e foi cando decidimos actuar”, lembra este veciño.
Ademais, previamente, acordábase trasladar as persoas de máis idade da aldea. “Levárona fóra da aldea para que non viviran esa situación de tensión e de impotencia, marcharon todos para casas de familiares noutro lugares, porque unha vez que o lume está xa aí, a 50 m, non sabes en que vai acabar, tes que irte e xa é tesa esa tremenda angustia de velo e o perigo”, prosegue Luis.
Xuntáronse os veciños e cada un aportou os medios dos que dispoñían para apagar. “Había quen tiña fundas de traballar, gafas, outros estaban en pantalón corto, de feito houbo quen chamou á familia e viñeron persoas dende Ribadumia que teñen casa en Espasa, eu fun dende O Barco os meus pais dende Trives e había xente que tamén estaba alí de veraneo. E, entre uns e outros, xuntámonos alí bastante xente e iso axudou a que despois non chegase o lume á aldea. Nós esa noite estivemos ata as 3h., pero conseguimos que non chegase o lume”.
Un lume que era tan virulento que, “ata pasou un cortalumes feito alí in situ con máquinas, e chegou ata o cemiterio, que impacta ver como está todo queimado arredor. O cemiterio está pegado á capela, que se atopa ao lado da aldea, ou sexa que aquilo foi tremendo”, conta Luis, que agora respira tranquilo.
https://www.instagram.com/reel/DNSUKivNFLp/?igsh=ZXFlM28yd3M4Ymd5
“Agora a situación na nosa aldea está controlada, pero o incendio ten unha cola de lume tan grande, que é inasumible, nós na nosa aldea o que fixemos foi iso, apagalo, e sen ningún tipo de reproche. Nesa mesma noite en Chandrexa había varias aldeas desaloxadas, porque estabamos en contacto con outras partes do municipio, en Zamorela e en Requeixo tiñan perigo real de que chegara as casas, en Paradaseca pasou… Entón somos conscientes de que é un incendio tan grande que resulta imposible que haxa unha brigada por cada aldea, ademais había lumes na Mezquita, en Maceda… Quero resaltar que, cando nos fixo falta, si tivemos axuda e despois, grazas á actuación e implicación dos veciños conseguimos frear o lume”, destaca Luis Álvarez.
Ademais da desgraza que pode supor un incendio para unha aldea, este veciño incide nas consecuencias ecolóxicas da mesma, nos “milleiros de plantas, animais e insectos que viven nesas zonas, que cando pasa o lume arrasa. Nós estabamos apagando de madrugada e saían ratos e outros animais fuxindo, é algo que pasa máis desapercibido e que realmente é moi triste. Ogallá a xente tome conciencia do que supón”.
Imaxes cedidas.