CulturaCulturaMúsicaÚltima horaVídeos

Viaxe polas tradicións chilenas, xeorxianas e de Irlanda do Norte coas Xornadas de Folclore, no Barco

Multitude de persoas enchían o campo da festa da vila para asistir a este espectáculo promovido pola Deputación de Ourense

 

A través dos ritmos, danzas, cantos e vestimentas tradicionais a multitude de persoas que asistía na pasada noite ás 40 Xornadas de Folclore emprendía unha intensa e singular viaxe pola xeografía cultural de Irlanda do Norte, Xeorxia e Chile. A actuación incluía dous pases con tres pezas en cada un deles dos grupos participantes.

O espectáculo, dunhas dúas horas de duración, comezaba ás 22:30h. da man dos característicos bailes e sons de Irlanda do Norte da man da Royal Tara Dance Academy, que, tanto neste primeiro pase como no segundo pase, despregaban un auténtico espectáculo de danza seguindo ritmos case imposibles cunha sorprendente habilidade, tanto das bailarinas como do único bailarín, cun só de danza no que interaccionaba de xeito moi especial co público, mesturando os seus movementos con aplausos guiados. Eran, nalgúns casos, bailes á capela, é dicir, sen música, unicamente coa percusión producida polos pés dos bailaríns.

 

 

A Royal Tara Dance Academy nacía a finais da década dos 70 en Antrim, a uns 30 km ao Oeste de Belfast, como unha escola de baile irlandés tradicional e contemporáneo, coa intención de transmitir ás novas xeracións o amor e o orgullo por unha das manifestacións culturais máis significativas de Irlanda, a súa música e baile. Dende entón, ten delegacións en outras catro localidades da contorna, contando así cunha gran canteira de artistas. Ao longo da súa existencia, o grupo ten recibido numerosos premios, nutrido de bailaríns ao mundialmente recoñecido espectáculo “Riverdance”, ao tempo que participado en festivais de folclore de todo o mundo. Ademais nesta edición regresaba ás Xornadas de Folclore tras case 20 anos despois da súa última participación.

 

 

O festival continuaba co grupo xeorxiano, o National Honored Song and Dance Ensemble Georgian Folklore “Ismu”, cuxos bailaríns, especialmente os masculinos, escenificaban unha serie de baile con acrobacias (danzas de Osetia) e empregando coitelos e mesmo espadas. Iso contrastaba coa delicadeza das danzas nas puntas dos pés, por parellas, achegando así unha actuación moi versátil. Deste xeito percorrían a música e baile do país caucásico, traéndolle ao público un folclore con séculos de tradición e que amosa o vigor e a bravura dos seus homes, sempre dispostos á loita, así como a elegancia e maxestade das mulleres vestidas con fermosos traxes.

 

 

Este grupo  xurdía en 1984 no seo da Universidade Estatal de Medicina da capital do país, Tibilisi,
sendo a maior parte dos seus compoñentes estudantes desta disciplina. Nos seus máis de
corenta anos de historia, o grupo ten participado en numerosos festivais de todo Europa, e tamén en
América e Asia. En 1994, o Ministerio de Cultura de Xeorxia outorgoulles o título de “Conxunto Nacional”, condecoración reservada para as institucións que mellor representan a cultura tradicional do país.

 

 

Especialmente marcados pola alegría, o color e a forza de celebracións como o Carnaval estaba a proposta que viña desde Chile, a través do Ballet Folklórico de Rancagua, cun elenco de 50 persoas (entre bailaríns, músicos e técnicos). Este grupo está centrado na recuperación, transmisión e posta en escena dos costumes e tradicións relacionadas co folclore do país chileno, participando dende o seu inicio en importantes festivais dentro e fóra de Chile. A continuidade do grupo garántese coa creación dunha escola de folclore, que lle permite ter sempre un relevo para os máis veteranos.

 

 

O seu repertorio amosaba a gran diversidade de manifestacións étnico-culturais que conforman a poboación de Chile: o carnaval norteño, a danza afro-boliviana ou a de orixe español. Tamén se detiñan nas tradicións da illa de Pascua en temas como “Rapa Nui”, despregando pasos cadenciosos e movementos que lembraban aos das canoas.

 

 

Precisamente con eses ritmos e danzas da Illa de Pascua poñíase o broche ao festival no Barco. Ao termo do mesmo a súa presentadora, Montse Estévez, explicaba que as Xornadas de Folclore están pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, e conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións, neste caso o do Barco. Ademais lembraba ao diverso e amplo equipo humano que fai posible este espectáculo itinerante pola provincia.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Vídeos: O SIL.

 

 

 

Back to top button