
O Servizo de Oftalmoloxía do Hospital Universitario de Ourense recoméndanse unha serie de medidas preventivas e tratamentos temperáns para protexer a saúde visual durante unha exposición ao fume dos incendios forestais xa que pode causar danos oculares graves.
Oftalmoloxía advirte que a exposición ao fume e ás partículas en suspensión xeradas polos incendios forestais supón un risco serio para a saúde ocular da poboación, especialmente en persoas con patoloxías previas nos ollos, nenos e maiores.
Segundo a doutora María Mira Palomino, oftalmóloga do CHUO, “A saúde visual é moi sensible ás condicións ambientais. A prevención e a intervención temperá son esenciais para evitar complicacións que, nalgúns casos, poden ter consecuencias permanentes”
O fume dos incendios contén gases tóxicos, cinzas e micro-partículas procedentes da combustión da madeira e doutras plantas, que poden depositarse na superficie ocular e provocar:
- Irritación e ollos vermellos.
- Picor e sensación de corpo estraño.
- Lagrimeo excesivo.
- Ollo seco por alteración da película lagrimal.
- Inflamación da conxuntiva (conxuntivite química ou irritativa).
- Agravamento de patoloxías previas como a blefarite ou a síndrome de ollo seco.
En casos de exposición intensa ou prolongada, pode producirse afectación da córnea con queratite, visión borrosa e, en situacións graves, risco de lesións permanentes.

Tratamentos máis eficaces
Os especialistas recomendan que, ante síntomas de irritación ocular por exposición ao fume, se realicen as seguintes actuacións:
- Lavar os ollos con soro fisiolóxico ou auga limpa para retirar partículas.
- Empregar lágrimas artificiais sen conservantes para hidratar e protexer a superficie ocular.
- Evitar frotar os ollos, xa que isto pode empeorar a lesión.
- En casos de dor intensa, visión borrosa ou secreción abundante, consultar inmediatamente cun oftalmólogo para avaliación e posible tratamento con colirios antiinflamatorios ou antibióticos.
Medidas preventivas clave
Para minimizar o risco durante episodios de incendios forestais:
- Permanecer en interiores con portas e ventás pechadas.
- Empregar sistemas de filtrado de aire, se están dispoñibles.
- Se é necesario saír ao exterior, usar lentes pechadas ou gafas de protección para reducir o contacto coas partículas.
- Evitar actividades físicas intensas ao aire libre durante episodios de alta concentración de fume.
- En persoas con patoloxía ocular crónica, reforzar a lubricación con colirios protectores.