En portadaÚltima horaVídeos

O Concello da Rúa e a Deputación de Ourense avanzan xestións para selar o incendio no vertedoiro que leva 11 días ardendo

O vertedoiro ardendo, na Rúa./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O vertedoiro de Residuos non Perigosos de titularidade municipal situado nas Pedreiras, na Rúa, continúa cun incendio activo desde a entrada neste termo municipal do incendio forestal Seadur-Larouco o pasado vernes 15 de agosto.

Tal como indican dende o Concello na pasada semana desprazáronse ata o terreo os técnicos municipais, técnicos da UME e finalmente técnicos da Deputación de Ourense cuxa valoración común é que “estamos a falar dunha obra de grande envergadura, que supón o movemento de entre 11.000 e 14.000 m³ de terra (nas valoracións máis optimistas) e que suporá, polo tanto, o movemento de aproximadamente 1.200 camións de material máis aló da maquinaria precisa para extraer e cargar todo ese material”. Do mesmo xeito os técnicos coinciden nas necesidades especiais de equipos de protección individual (EPIs) que ha de dispor todo o persoal que traballe no selado do incendio activo.

 

Vista nocturna do vertedoiro ardendo./ Foto cedida.

 

“Desde o Concello da Rúa estase a manter unha comunicación constante, a iniciativa municipal, desde o primeiro día coas distintas administracións con capacidade e competencias na xestión de lumes sen que até este momento, luns 25 de agosto, se teña ofrecido ningunha solución ao Concello máis aló do abandono”, denuncia a alcaldesa, María G. Albert, explicando que na xornada de onte, domingo 24 de agosto, “a Deputación de Ourense, en boca do seu presidente Luis Menor, contactou co Concello da Rúa e tamén onte mesmo desprazou a técnicos do parque de maquinaria provincial ao lugar para analizar co Concello a viabilidade dun plan de selado a través de inertes do lume que permanece activo”, polo que manifesta a gratitude do Concello da Rúa cara a Deputación de Ourense que foi, até o de agora, “o único organismo supramunicipal que amosou interese e vontade por solucionar o grave problema de saúde pública que supón convivir cun incendio activo durante 11 días xa”.

Dende o Concello, a rexedora lembra que “o organismo competente en Galicia en materia de extinción de incendios é a Xunta de Galicia e que desde o primeiro instante o Concello se dirixiu ao goberno galego para solicitar a súa colaboración, polo que non se entende a súa despreocupación e abandono”.

 

 

Vídeo: Carlos G. Hervella

Back to top button