PolíticaÚltima horaVídeos

O secretario xeral do PSdeG-PSOE visita a aldea de San Vicente de Leira, asolada polo incendio forestal

O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, avisa de que “pobos enteiros poden desaparecer se as administracións seguen sen escoitar á xente que vive aquí cada día, por favor, traslada iso a quen corresponda”

 

Ata San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras), localidade devastada polo incendio que asolaba Valdeorras a mediados deste mes, desprazábase o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esta mañá, acompañado entre outros cargos socialistas, polo alcalde vilamartinés, Enrique Álvarez. Alí comprobaba como o 90% das súas vivendas quedaban destruídas polas lapas.

“O que vivimos aquí non é froito do azar. É o resultado dun abandono prolongado: sen garda dos montes, sen servizos públicos, con menos xente que coide desta terra. Galicia interior leva demasiado tempo esquecida polo PP e cando chega o incendio, quedamos indefensos fronte ao lume”, subliñou Besteiro.

 

 

Ademais, instou a cambiar o paradigma: “Non vale con mandar medios en agosto. O rural precisa vida constante. Precisa escolas, atención médica, oportunidades para a xente nova, actividade económica… e, sobre todo, prevención real, non meras cifras en papel. Atacamos o problema cando xa é tarde”.

En Vilamartín de Valdeorras, Besteiro anunciou unha iniciativa concreta. “Estamos organizando unha próxima reunión de alcaldes e alcaldesas socialistas para poñer en común propostas, experiencias e formar un plan que evite que unha catástrofe como esta se repita. Non imos conformarnos con palabras baleiras”.

 

 

Pola súa banda, o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, describiu a situación con dureza. “É unha situación verdadeiramente complicada. Non sabemos que axudas virán, pero o que nos preocupa agora é o que vén: choivas arrastrando cinzas e barro, ríos desbordándose, pobos enteiros que están en risco de desaparecer. Foron os veciños, cos seus tractores e cos mozos voluntarios, os que salvaron o que se puido salvar. A administración non estivo á altura”.

Álvarez tamén puxo en evidencia unha falla estrutural e a necesidade de contar co rural nas políticas que deseñan as administracións. “Que conten cos que estamos aquí e se eles son incompententes que nos manden as competencias aos concellos e que nos dean financiamento. Porque ao final, cos lumes, tivemos que defendernos nós mesmos e iso non é xusto. A xente está desfeita, a parte de arder as propiedades e as casas, ardeu a vida, a alma, o vínculo do pobo, castiñeiros de 200 anos… e esa conexión que tiñamos co pobo xa non a imos volver a ver e os que veñan detrás é posible que tampouco vexan nada se non hai axudas. O rural necesita moito máis investimento, hai que sacarlla ás cidades que elas comen porque nós estamos no rural, senón no comen tampouco”.

 

 

Pedíalle a Besteiro que trasladase esta realidade a quen corresponda. “Non poden facer as leis sen contar cos que estamos aquí, esa é a nosa visión”.

No percorrido pola zona afectada, Besteiro e Álvarez estiveron acompañados por representantes do partido como o secretario provincial, Álvaro Vila, a deputada autonómica Carmen Dacosta e deputada no Congreso Marga Martín, entre outros.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Back to top button