Desde o colectivo orientador de Ourense amosan a súa solidariedade coa xente de Valdeorras nestes momentos difíciles. “Sentímonos parte afectada moi profundamente, porque a nosa disciplina coñécese co sobrenome de “O Deporte do Bosque”. De feito, o precioso mapa de orientación deportiva de Éntoma viuse tamén afectado pola vaga de lumes que azotou ao Serro. Considerámonos parte tamén damnificada por esta desgraza, xa que os comezos da orientación deportiva federada na provincia de Ourense tiveron lugar en Valdeorras, bisbarra á que nos sentimos moi unidos o resto de orientadores ourensáns e na que o noso deporte sempre tivo unha grande acollida, gozando na actualidade dunha marabillosa saúde nesas terras cigurras”, asegura Xan M. Trigo Recarey.

El mesmo explica que no Campionato Mundial de Orientación a Pé para veteranos (WMOC) que tiño lugar en Girona entre o 8 e 15 de agosto, houbo tamén que cambiar unha das sedes por mor dos incendios. A pesar diso destaca os “excelentes resultados de Martín Morales Ferreiro -orientador da AD Limiactiva- na categoría M55, que o colocan entre os mellores orientadores da súa xeración a nivel mundial”. Dun xeito apabullante, clasificouse para todas as finais das probas de distancia: Sprint (marcou o 3º mellor tempo nas series clasificatorias), Media e Longa. Ademáis, na final da Distancia Media entrou no ‘top ten’ mundial desta disciplina ao clasificarse no 9º posto.