O Premio de Poesía e as Xornadas Culturais Castelao e Valdeorras serán os grandes protagonistas da programación de outono da Fundación Florencio Delgado Gurriarán.
A presentación tiña lugar na mañá deste xoves 4 de setembro tras unha reunión na que se decidía dar un carácter benéfico á gala de entrega do VI Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriaráná que se celebrará no Teatro Lauro Olmo do Barco o sábado 20 de setembro. Por vez primeira a entrada á gala terá custe (5€ por persoa) e a recadación en taquilla e máis na fila cero que se habilitará para doazóns en conta, estará destinado a paliar os efectos dos lumes forestais que asolaron Valdeorras este pasado mes de agosto.
Dende a Fundación aseguran que o recadado será xestionado con transparencia e dedicado a algunha das iniciativas previstas de recuperación dos montes queimados. Débora Álvarez, xerente da Fundación, explicou que están a traballar coa condutora da gala, a actriz Iria Pinheiro, para integrar na proposta escénica un recoñecemento e agarimo cara a comarca por todo o vivido. Álvarez destacou que “a ferida destes lumes forestais, nos que arderon moitas das paisaxes amadas por Florencio, tardará en sandar e a cultura ten moito que aportar nese proceso, a través do encontro, da beleza e da emoción”. Neste senso, destacouse a traxectoria escénica da artista Iria Pinheiro como a persoa adecuada para conducir esta gala. Xunto a ela estará o músico Davide González.
Ademais do seu carácter benéfico, a gala será a oportunidade de descubrir cal é o poema gañador desta edición do Premio na que se bateu o récord de obras presentadas con 226 textos admitidos a concurso de 138 autores e autoras diferentes. Dende a Fundación agradecen ao xurado, composto por Enma Pedreira, Lucía Aldao, Inma Núñez, Luciano Rodríguez e Aleixandre Lago pola súa dedicación e esforzo.
O próximo luns 8 de setembro, un pouco antes do previsto inicialmente, farase público o título e autoría dos tres poemas finalistas e o gañador coñecerase o día da gala. Tamén por vez primeira tamén, a entrega do Premio de Poesía FDG terá unha segunda parte. Tal como explicou Débora, o domingo 21 de setembro ás 13 horas celebrarase un encontro poético musical na praza Doutor Quiroga de Petín coa presenza dos poemas finalistas e o xurado do premio. Terá caracter festivo e contará coa actuación do grupo quirogués Mario Colomán & The Clocks Band, que contan cun repertorio propio de temas en galego. “Este programa dobre responde por unha banda á estratexia da Fundación de que a súa programación sexa itinerante pola comarca e tamén, a facilitar a convivencia da veciñanza cos artistas que visitan Valdeorras esa fin de semana”, dixo a xerente da Fundación.

Xa no mes de outubro a Fundación centrará a súa programación cultural na relación de Castelao con Valdeorras. Sendo o ano no que Galicia celebra ao intelectual de Rianxo, dende a institución seguen a explorar as súas conexións coa comarca e co propio Florencio. Por iso, unha das actividades será a conmemoración do encontro entre Florencio e Castelao na viaxe que o intelectual fixo en outubro de 1934 a Badaxoz a onde foi trasladado como funcionario público nunha honda represalia do Estado cara os nacionalismos tras a revolta en Asturias. Para ese desterro viaxou en tren, sendo acompañado entre paradas por outros galeguistas, entre eles Florencio, quen se trasladou a Monforte para acompañalo no traxecto ata o Barco de Valdeorras.
Esa viaxe será recreada o sábado 4 de outubro coa xornada ‘Castelao e Florencio’, unha conversa no tren do desterro. Comezará ás 9 horas fronte ao Concello do Barco de onde partirá un autobús que deixará aos participantes na estación de Monforte. Alí tomarán o tren e asistirán a unha conversa entre dous historiadores moi coñecedores de ambas figuras, Ricardo Gurriarán e Uxío-Breogán Diéguez, os cales continuarán a súa exposición unha vez chegados ao Barco na sala Abanca da Praza do Príncipe, onde haberá espazo para as preguntas e coloquio co público.

A actividade é gratuita pero ten un aforo limitado de 50 persoas. O formulario de inscrición está dispoñible na web da Fundación. Ao día seguinte, o domingo 5 de outubro ás 12:30 horas, na mesma Sala Abanca do Barco (Praza do Príncipe) terá lugar a conferencia ‘Castelao, obra artística’, a cargo da investigadora Pilar García Negro, quen analizará a traxectoria do autor e político dende un punto de vista artístico, contextualizándoo co seu tempo histórico. Como escenario da charla haberá unha exposición de fondos relacionados con Castelao conservados pola Fundación e que inclúen libros e reproducións das súas láminas máis famosas. Tras a conferencia farase unha visita comentada á mostra. O acceso a este evento é libre ata completar aforo. Esta actividade, fora adiada o pasado mes de xuño e recupérase para poñer o broche ás Xornadas Culturais deste 2025.
Actividades educativas
Ademais destes eventos abertos ao público en xeral, dende a Fundación seguen a traballar cos centros educativos do Bolo, A Rúa, Vilamartín e O Barco para poñer en marcha diferentes propostas educativas. O primeiro será a celebración dunha convivencia escolar de estudantes de Primaria no Bolo arredor da obra de Florencio e Yosso, ideada para tecer vencellos entre as comunidades educativas da comarca.
Outra proposta, desta vez para o alumnado de Secundaria, é a de incorporar o Rueiro da Memoria do Barco ás actividades dos institutos da vila como parte dos contidos de Historia e Urbanismo. Tamén se proporá ampliar este rueiro, no que se identifican aos persoeiros e historias detrás dos nomes das rúas, ao resto de Concellos, nun traballo conxunto entre a Fundación, a Asociación Cultural Nadel e os equipos educativos da comarca.
Na presentación da programación, Débora estivo acompañada por Anxo Baranga, patrón da Fundanción, e pola concelleira de Cultura no Barco, Margarida Pizcueta, quen celebrou que a cultura “poida sumarse á resposta ante a situación creada polos lumes” destacando que responde ao obxectivo da Fundación de ser “un dinamizador cultural, social e tamén da conservación medioambiental de Valdeorras”.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.