O Consello Asesor de Pacientes da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, xunto co Servizo de Atención ao Paciente organizan, o sábado día 20 de setembro, o seu terceiro “Paseo pola Saúde”, unha xornada de lecer e encontro entre profesionais da saúde e pacientes, para a promoción dos hábitos saúdables e celebrar a vida e a saúde comunitaria.
Acompañaron aos representantes das asociacións na presentación da iniciativa o xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Santiago Camba Bouzas, xunto a unha das súas coordinadoras, a xefa do servizo de Atención ao Paciente, Belén Piñeiro Bóveda, ademais da a directora de Enfermería, Josefa Rodríguez Araujo.
A terceira edición do Paseo pola Saúde realizará un percorrido pola beira do Miño e contará con obradoiros de saúde na zona do Tinteiro ata o remate da andaina, que partirá da Ponte Vella (Salesianos) con saída ás 10.00 horas ata a zona termal de Outariz con regreso cara ao Tinteiro, cun perfil chairo e sen dificultades A inscrición é gratuíta na dirección: atencionpaciente.chou@sergas.es ou chamando ao teléfono 988 388 515.
No punto de remate no Tinteiro celebraranse obradoiros de prevención, primeiros auxilios, soporte vital básico, alimentación saudable, vacinación na idade adulta, prevención da dor de costas, disfuncións do solo pelviano, manexo da menopausa, ou hixiene bucodental, grazas a participación activa dos grupos de traballo de saúde comunitaria da Área Sanitaria de Ourense, e das asociacións de pacientes, xunto a Fundación Dorzán, Cruz Vermella, Vía Auria, Asociación Apetéceme ser Amigo da Área Sanitaria de Ourense, Ambulancias Burgas, Protección Civil de Ourense e Concello de Ourense.
O Paseo naceu como unha necesidade de celebrar a vida, colaborar e reunirse, tras anos de pandemia e separación, as veces física e outras emocional, de tensións e preocupación pola saúde, especialmente pola dos enfermos crónicos e as persoas maiores. Este desexo común desborda as expectativas de ano en ano con máis de 500 inscritos.

Ademais da festa do encontro, o paseo serve para poñer en contacto a pacientes, asociacións e profesionais precisamenre nunha receita común e positiva en calquera idade e condición física, un paseo ao ar libre, socializar e tamén participar.
Órgano de participación e consulta
O Consello Asesor de Pacientes de Ourense, Verín e Valdeorras é unha estrutura de participación e asesoramento, que facilita o contacto directo entre pacientes e xestores da sanidade pública de Ourense, para recoller súas percepcións e achegas, cara ao desenvolvemento conxunto de obxectivos asistenciais e de humanización dos servizos sanitarios públicos.
Con este obxectivo, ademáis do contacto continuado, a través de distintas iniciativas bilaterais, o consello reúnese un mínimo de dous veces ao ano para abordar diferentes temas de actualidade.
En Ourense está formado polas seguintes asociacións: de Enfermos/as de Crohn e Colite Ulcerosa de Ourense (Accu Ourense); Asociación Española Contra o Cancro (AECC Ourense); de Familiares de Alzheimer e outras Demencias de Ourense (Afaor); de Fibromialxia, Síndrome de Fatiga Crónica e Sensibilidade Química Múltiple de Ourense (Affou); Galega de Hemofilia (Agadhemo); Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa Crónica e outras Patoloxías Vasculares Periféricas (Agl); para a Loita contra as Enfermidades Renais de Ourense (Alcer Ourense); de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia (Anedia); Ourensá de Esclerose Múltiple, ELA, Párkinson e outras Enfermidades Neurodexenerativas (Aodem); de Persoas Xordas de Ourense (Apsou); para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia (Aseia); Asociación Diabética Auria (Auria); de Dano Cerebral Adquirido de Ourense (Renacer); de Persoas con Discapacidade da Comarca de Valdeorras e Asociadas (Disvalia); Asociación Down Ourense (Down Ourense); de Familiares e Enfermos Mentais Morea (AFEM Morea); por Eles Tea Ourense (Petea); e as Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade de Ourense (Discafis-Cogami); Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec) e a Liga Reumatolóxica Galega (LRG), Asociación Galega de Covid Persistente (Asgacop), Asociación española de miocardiopatía Hipertrófica, Apoyo Positivo e Alcólicos Anónimos Ourense.