O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, mantiña esta tarde unha xuntanza con representantes do sector turístico de Valdeorras no Pazo do Castro (O Barco) para explicarlles as liñas de apoio para paliar os efectos dos incendios do verán. Trátase dunha batería de medidas de máis de 3,6M€, que se presentaban esta mañá en Ourense e que se porán en marcha para axudar de xeito específico ao sector turístico galego ante os efectos provocados polos incendios. En concreto trátase de catro accións.
Un dos principais obxectivos para apoiar aos profesionais do turismo de xeito xeral será o de minimizar o impacto que os incendios puidesen dar de cara ao exterior na percepción e reputación do destino “unha das principais preocupacións que os profesionais turísticos nos trasladaron nas reunións que mantivemos con eles”. Por iso, explicou, este mesmo outono, a Xunta de Galicia vai poñer en marcha unha campaña xeral de promoción en mercados nacionais cun investimento de 2,6M€ que porá en valor os recursos e oferta complementaria galega. A isto súmase outra microcampaña de difusión para que se poidan promover eses concellos e establecementos das zonas máis afectadas polos incendios “imos inducir a demanda para impulsar a utiliza que utilicen os establecementos destes concellos afectados.
A batería de medidas inclúe propostas para incentivar a demanda con iniciativas como o lanzamento dun novo programa de produtos turísticos que estamos deseñando coa Asociación Galega de Axencias de Viaxe (Agavi) que fomentará as pernoitacións e uso de establecementos turísticos nestes concellos.

A campaña vaise difundir a través da rede de Agavi en Galicia e de todas as axencias españolas asociadas á Federación de Axencias de Viaxes de España. A Xunta de Galicia vai financiar o 85% para aloxarse e vivir experiencias turísticas nos establecementos dos concellos afectados. “Mentres os territorios recuperan o seu potencial natural, poden ofrecer aos visitantes unha rica oferta complementaria de enoturismo, gastronomía ou patrimonio que queremos poñer en valor con este novo programa”, explicou Xosé Merelles.
Como terceira medida tamén fixo mención ás cancelacións que tiveron lugar durante o mes de agosto nos aloxamentos das zonas afectadas, para o que a Xunta de Galicia tamén dará resposta a través dunha nova liña de axudas para paliar a perda de ingresos durante o mes de agosto debido a esta situación. En concreto, a Xunta dará o 25% das perdas acreditadas ata un máximo de 2.500 euros por establecemento de aloxamento regrado. Para a súa tramitación a información se poderá ofrecer nos vindeiros días nas novas oficinas situadas en toda Galicia para prestar atención directa as empresas afectadas polos incendios forestais, onde recibirán o asesoramento da man de técnicos para axilizar a tramitación das axudas e ofrecer a información precisa sobre a situación actual.
Fotos: Carlos G. Hervella.
