Cunha “calidade artística case tan grande como a súa modestia”, en palabras da concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, o autor do cartel das Festas do Cristo 2025, Anxo Baranga, expón dende hoxe na sala Abanca (praza do Príncipe) do Barco de Valdeorras unha exposición pouco usual.
Baixo o título de ‘Baranga en construción’ trátase dunha “xanela aberta aberta a un proceso creativo e multidisciplinar no que afondo dende 2001 entre Barcelona e Córgomo, dous portos da mesma viaxe interior”, que amosa unha selección de obras pictóricas e escultóricas para coñecer un pouco máis a este artista valdeorrés.
“O que fixen foi coller o meu taller de Córgomo, que está cheo de figuras e cadros, e colocalos na sala. Non están os últimos que fixen pero case case convertín a sala de exposicións na miña propia casa, no meu taller de arte”, conta Anxo. Colgados das paredes e sobre todo apoiados no chan, poden verse cadros de gran tamaño, un deles “autorretrato”, outros máis pequenos, unha homenaxe a Kandinsky, á obra de Castelao,… técnica mixta sobre cartón; e tamén varias esculturas na súa técnica estrela, o papel maché. Dende o famoso Florencio Delgado Gurriarán de gran tamaño ata personaxes vinculados coa súa familia e veciños (O Calalas, O Fuco,…), espallados pola sala.

E nunha esquina está instalado o obradoiro cun cadro en construción titulado ‘No pais do lume’ da saga ‘Camiño de Navallos’ que comezara a pintar antes dos incendios e que poderán axudarlle a pintalo (ademais de aprender a técnica de papel maché) que queira pasar por alí os días 15, 16, 17 e 18 pola tarde. “A única condición é traer roupa de traballo e grandes doses de paciencia”, di Baranga.
A exposición estará aberta ata o 20 de setembro, en horario de 12 a 14 horas e de 18 a 21 horas e a inauguración tiña lugar na tarde deste xoves 11 de setembro, unha hora antes do previsto inicialmente para respectar a manifestación contras os lumes celebrada no Barco, e xa nese momento Anxo propuxo un conto aos asistentes. Malia ter preparado un sobre a sua familia, a última hora cambiaba e rotulador en man facía en directo un debuxo sobre un mapa dos diferentes países que conforman “a praza do mar Mediterráneo, unha aira de 3.000 km en liña recta” con moitos e graves problemas. Despois cada día contará unha historia.
A clausura, o sábado día 20 tamén traerá consigo unha interesante proposta. “Ás 12 horas gustaríame facer un contacontos para os nenos a partir de 5 anos, tal como fago en Barcelona, para despedir a exposición”.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.