Dende o corazón. “Dende ese lugar onde vos levei sempre dende que no ano 1999, partín da casa en busca dun soño que se fixo realidade” dirixíase a veterana atleta vilamartinesa Eva Arias Aira aos barquenses e valdeorreses que enchían na tardiña do 12 de setembro a praza Maior do Barco. Falaba como pregoeira das Festas do Cristo do 2025, que botaban a andar oficialmente con este acto, protagonizado nesta ocasión por unha deportista de relevancia internacional e ganadora en ata seis ocasións da Milla Urbana do Barco.
Dese soño que tiña de cativa de “ser una atleta profesional, e poder levar, orgullosamente, o nome do meu pobo, San Miguel de Outeiro; do meu clube: o Adas do Barco e, da miña comarca, Valdeorras, polo mundo adiante”, falaba durante o pregón. Un pregón moi emotivo, cargado de recordos, pero tamén reivindicativo, con referencias aos lumes e apoio ao pobo palestino, e cunha posta en valor do traballo feminino, de xeito especial na lousa.
Eva Arias, que actualmente é concelleira socialista en Ávila, comezaba agradecendo a súa escolla como pregoeira, “por darme o privilexio de poder dirixirme aos meus veciños, amigos, coñecidos e familiares, a través deste acto co cal se pon en valor a miña carreira deportiva e o traballo que hai detrás dos meus resultados que sempre serán, tamén os vosos”. E incidía en que “é sabido, que os deportistas non vivimos de recoñecementos, pero ao final, as persoas si que estamos feitas de moitas vivenzas diferentes que imos afrontando na vida, e pódovos asegurar que esta oportunidade que me dades, pasará a formar parte damiña, como un momento doce”.

Referíase ás súas orixes valdeorresas e a súa querencia pola comarca, á que segue considerando un refuxio moi especial. “Inevitable é, barquenses, o de sentirse un pouco morriñosa cando me toca partir lonxe do fogar onde me criei. Ao igual que inevitablemente é, una vez que vimos pola N-120 e empezamos a divisar O Barco ao lonxe, sentirme de novo a salvo, de novo na casa, de novo protexidaaocarón de todos vos. Porque esta, é a terra onde sempre atopo refuxio, para todo. Sempre”.
Tamén lembraba momentos como cando cando escolleu ser tratada no Hospital de Valdeorras por lesións, tras renunciar a atención que lle ofrecían de médicos deportivos. “Nunca esquecerei co cariño que me coidaron os grandes profesionais que temos nel, de ahí que temos que seguir defendendoo e reivindicando a necesidade que toda a comarca precisa do mesmo”.

Un pregón no que facía ademais un recoñecemento expreso ao esforzo das mulleres valdeorresas, cunha mención especial aos do sector da lousa. “Así que vaia un viva ben grande: as loitadoras mulleres do mundo da pizarra, ás veces tan esquecidas”.
Tiña tamén palabras para os recentes incendios forestais que asolaban Valdeorras, cunha clara mensaxe de esperanza. “Debo de recoñecer tamén, que non foi fácil para mín, escribir este pregón nun tono alegre e festivo coma merece, porque tras os acontecementos que sufrimos polos incendios neste verán, a todos nos inunda un sentimento de tristeza, enorme. Pero ben sabedes que a coraxe, e forza das que están feitas as mulleres do mundo da pizarra as que citei anteriormente, é extensiva a tódolos barquenses, a tódolos Valdeorreses. E non está demais que o lembremos agora máis que nunca. Porque somos, un pobo forte, froito dos grandes esforzos que dende anos os nosos ancestros tiveron que facer para sacar adiante as súas familias”.

E é de aí, “dese exemplo de loita que herdamos dos nosos avós e dos nosos pais”, proseguía, “de onde debemos de sacar forzas parareconstruírnos, para reconstruír os nosos pobos, para voltar a ver brillar o verdor dos nosos montes, e sentir a alegría de novo, nos nososfogares. Así que me gustaría, que estas, as festas do Cristo 2025, sexan o punto de partida, para voltar a empurrar todos xuntos cara unha Valdeorras e un Barco, máis fortes e próspero que nunca”.
Non faltaba tampouco no pregón de Eva Arias ás referencias ás súas lembranzas das Festas do Cristo, “as festas de encontro coa familia na casa da tía Margarita, onde degustábamos comidas ben ricas e compartíamos momentos imborrables ao redor dunha mesa. Eran as festas, onde esperabas as pagas de todos os tíos para gastala nas atraccións, nos algodóns de azucre rosa, ou unhas améndoas garrapiñadas que cun pouco de sorte nos compraba a avoa Milagros, e así, aforrábamos unas pesetiñas todos os primos”, dicía entre risas.

E, por suposto, resaltaba o seu referente principal da festa ao longo dos anos: a Milla Urbana. “A maioría de vos saberedes, que a corrín case dende que teño uso de razón. Realmente o meu amor cara ela, foi un pouco variante co transcurrir dos anos”. E explicaba como foi esa evolución ata que chegou a ser atleta profesional e corría a categoría absoluta. “Cando me profesionalicei, pese os enoooormes nervios que pasaba antes de correla, debido o gran respeto que sempre tiven a todo o público asistente porque non quería faiarvos, desexaba con toda a miña alma, que chegara o domingo das festas do Cristo e poder correla, ainda que cada ano o cartel de participantes fora de mais nivel. Porque eu, entendía esta competición como a oportunidade que me daba o Concello do Barco, para poder deleitarvos a todos e todas, pasando un bo rato, con aquilo que mellor sabía facer e así poder recompensar dalgún xeito, todas as mostras de apoio que directa ou indirectamente me facíades chegar ao longo do ano para afrontar os Campionatos. Así que grazas, pola oportunidade que me destes todos, gastando un pouco do voso tempo, en vir ao Malecón a vernos correr a milla urbana durante tantísimos anos. Espero non tervos defraudado!”.
E concluía cunha chamada a desfrutar destas Festas do Cristo 2025 que agora comezan. “Desexo, que desfrutedes con responsabilidade e por todo o alto, ata que nos rebente o peito de alegría, das Festas do Cristo 2025. Así, que a continuación pediríavos que digamos dous vivas ben forte: Viva O Barco de Valdeorras. E Vivan as Festas do Cristo 2025”.
Este acto, presentado por Kissy Torres, concluía coa subida ao escenario do alcalde do Barco, Aurentino Alonso, e da concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, para entregarlle un ramo de flores e un agasallo á preogeira, desta volta, un cadro da pintora Lola Doporto de Millarouso, pregoeira tamén das festas no ano 2022. E, ademais a concelleira Diana Urdangaray entregáballe unha medalla moi particular. Finalmente, o alcalde barquense convidaba a “vivir as Festas do Cristo” que, tras o chupinazo, abríanse xa oficialmente.
Fotos: Mónica G. Bellver e Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver e O SIL.
