EconomíaEconomíaÚltima horaVídeos

Visita da conselleira do Medio Rural a viñedos afectados polo lume en Córgomo (Vilamartín) e á sede do Distrito de Valdeorras

Ademais achegábase á Adega Santa Marta para ver os labores da campaña de vendima na D.O. Valdeorras

 

Ata Valdeorras desprazábase na mañá deste 17 de setembro a conselleira do Medio Rural, María José Gómez. En primeiro lugar visitaba a oficina agraria móbil posta a disposición dos afectados para a tramitación das axudas da Xunta a raíz dos incendios forestais en Vilamartín. “Levamos xa moitas solicitudes rexistradas en toda a provincia e estamos intentando dar solución á maioría delas, de feito, os inspectores de Medio Rural xa teñen visitado a algunhas das persoas que solicitaron esas axudas”, comentaba a conselleira, que estaba acompañada polo alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, e do delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. “As oficinas están ao servizo, calquera cidadán pode informarse sobre a que tipo de axudas se pode acoller”, engadía.

A Consellería do Medio Rural atendeu xa máis de 750 persoas e tramitou 143 expedientes de axudas para os afectados polos incendios forestais do pasado mes de agosto na comarca ourensá de Valdeorras.

 

 

 

Segundo explicou a conselleira, só neste punto de atención cidadá de Vilamartín-un dos 17 de información e asesoramento habilitados pola Xunta para os afectados- xa se atenderon 121 persoas e tramitáronse unha trintena de expedientes de axuda.

 

 

 

 

Despois a conselleira do Medio Rural trasladábase ata a Adega Santa Marta de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) onde seguía a evolución dos labores de vendima. “Puidemos coñecer de primeira man como está a evolucionar a vendima en Valdeorras, vai un pouco máis lenta do habitual por esa falta de persoal para facer os traballos de vendima algo que xa era unha complicación nos últimos anos e que este ano resulta moito máis”, dicía María José Gómez.

 

 

Ademais a titular de Medio Rural achegábase á parte alta de Córgomo, onde podía comprobar a gran afectación do viñedo do incendio forestal que asolaba Valdeorras a mediados de agosto. “Nas liñas de axudas do Medio Rural temos esa en específico para os viñedos afectados para cubrir esa produción, ata 12.700 euros por hectáreas, a maiores de todas as axudas que hai para peches ou reconstrución de peches perimetrais ou pastizais, son oito liñas: catro no forestal e catro no agrario”.

 

 

Na mesma liña, Gómez indicou que, segundo trasladou a propia DO, a afectación polos lumes no seu territorio representa un 2 % do total das hectáreas inscritas na denominación. Con todo, engadiu a conselleira, a Xunta quere tenderlle a man aos produtores de viño desta comarca e do resto das afectadas polos incendios porque, sinalou, “Galicia é unha potencia neste sector grazas a eles”.

 

 

A continuación, María José Gómez trasladábase á Casa Grande de Viloira (O Barco), onde ten a súa sede o Distrito Forestal XIII Valdeorras-Trives, onde reiterou o seu agradecemento a todos os profesionais que loitaron contra os incendios forestais deste verán e puxo en valor o seu “inxente traballo”, tanto sobre o terreo como desde os diferentes centros de coordinación.

Alí anunciaba que se “vai remodelar nas vindeiras datas para adecualo a estes centros de coordinación que temos xa noutras partes de Ourense como o distrito de Verín ou o parque de coordinación na Lonia”. Alí estaba acompañada tamén polo alcalde do Barco, Aurentino Alonso.

 

 

Esta rolda de visitas continuará pola tarde en diferentes puntos do oriente ourensán. Así a conselleira ten previsto visitar “unha explotación en extensivo en Vilariño de Conso, explotacións ás que fixemos chegar esa forraxe para alimentar os animais dende os primeiros días e que tamén se poden acoller tanto a axudas para alimentación do gando ata 15.000 euros. E, por outra banda, para todas as instalacións, peches de parcelas, establos, para maquinaria afectada tamén as axudas abertas dende Medio Rural”. Finalmente, na Gudiña estará nunha explotación apícola, tamén afectada polos lumes.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Back to top button