O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, salientou hoxe “o fortalecemento histórico” da Formación Profesional que impulsa o Goberno de España, con renovación, fondos e máis prazas. Díxoo durante unha visita ao CIPF A Carballeira – Marcos Valcárcel de Ourense, onde se reuniu coa directora do centro, Aida Saá, e o resto do equipo directivo para analizar o impacto das políticas do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes e informar sobre a nova convocatoria dos Premios Irene 2025.
Durante unha visita polas aulas, Eladio Santos trasladou o compromiso do Goberno coa “educación pública, de calidade e aberta a todo o mundo”, como o amosan as bolsas convocadas este ano polo Ministerio, que están dotadas de 2.544 millóns de euros, “a cifra máis alta da historia”. Deste xeito, lembrou que o Goberno autorizou este verán destinar 74,3 millóns de euros a Galicia para impulsar o novo sistema de FP. En suma, do ano 2020 ao 2025 destináronse 500 millóns de euros ao impulso da FP en Galicia, financiando neste período 29.547 novas prazas.
Neste sentido, o subdelegado sinalou que o Goberno aprobou tamén o reparto de 59 millóns de euros ás comunidades para axudas para a adquisición de libros de texto. “A Galicia chegaron case tres millóns para axudar ás familias a afrontar esta volta ás aulas e, en definitiva, para que ninguén quede atrás”, sostivo.
Ademais, Santos subliñou a gran aposta que está a facer a ministra Pilar Alegría pola Formación Profesional a través da súa nova lei, que implantou progresivamente melloras como a flexibilidade e a xeneralización da FP Dual. “Con este cambio, os mozos e mozas non só aprenden nas aulas, senón tamén nas empresas cun contacto directo co mercado laboral. Este modelo é xa un dereito para tódolos estudantes e garante máis oportunidades de emprego, así como a mellora da competitividade das empresas españolas”, resaltou.
Tamén lembrou que o pasado mes de marzo deuse un paso máis neste impulso coa aprobación de máis de 6.700 novas ofertas de FP destinadas á poboación activa, ampliando así o Catálogo de Formación Profesional ata a cifra histórica de máis de 7.500 formacións de diferentes tipos. De estas, 5.432 son acreditacións parciais de competencia; 929 certificados de competencia e outros cursos.

Premios Irene 2025
Finalmente, Santos felicitou ao centro polos premios recibidos en proxectos de innovación e animou ao equipo directivo a presentarse á convocatoria dos Premios Aulas pola Igualdade: Premios Irene 2025, convocados a semana pasada polo Ministerio de Educación. O obxectivo é o recoñecemento de proxectos de innovación educativa, materiais curriculares innovadores que contribúan a erradicar as condutas violentas e os discursos de odio, así como a promover a igualdade no ámbito educativo. “A igualdade ten que ser unha aposta transversal na educación para conseguir unha sociedade mellor”, indicou o subdelegado.
Pode participar calquera centro educativo non universitario sostido con fondos públicos. Hai nove premios en tres modalidades, dotadas de 10.000 euros cada unha, que se reparten do seguinte xeito: o primeiro premio será de 5.000 euros, 3.000 o segundo e 2.000 o terceiro. O prazo de presentación das solicitudes de participación finaliza o 3 de outubro ás 12:00 horas.