Comprobar as consecuencias do incendios forestais nos viñedos da Denominación de Orixe Valdeorras e saber, de primeira man, as necesidades dos produtores tras o lume, así como os seus efectos no entorno empresarial na comarca. Con ese obxectivo viaxaba neste venres a esta comarca a presidenta da Confederación Española da Pequena e Mediana Empresa (CEPYME), Ángela de Miguel.
Esta visita era organizada pola Confederación Empresarial de Ourense (CEO) en colaboración coa Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), que traballan conxuntamente para articular accións que axuden a centralizar propostas, buscar solucións e reactivar economicamente a comarca, gravemente afectada este verán polos incendios. No seu decurso, Ángela de Miguel estaba acompañada por representantes da CEO e de AEVA, entre eles os seus presidente, César Blanco e Carlos Terán, respectivamente, así como por membros do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, como o seu director técnico, Jorge Mazaira, e a súa secretaria, Patricia de Andrés.
A xornada iniciabába ás 11:00 horas nunha parcela de viñedo afectada polo lume pertencente á Adega Joaquín Rebolledo, onde a presidente comentaba a motivación desta viaxe a Valdeorras, un dos primeiros territorios asolados polos lumes deste verán que pretende visitar.
Durante a súa intervención, Ángela de Miguel destacou a importancia de sumar esforzos entre administracións e organizacións empresariais para que ningunha peme quede atrás no proceso de recuperación de Valdeorras. “Somos conscientes de que moitas pemes están a vivir unha situación crítica. Perderon colleitas, instalacións, maquinaria, ou se enfrontan á paralización total da súa actividade. Por iso, desde CEPYME solicitamos ás administracións que activen, con carácter de urxencia, medidas concretas para dar resposta inmediata a esta emerxencia: axudas directas e áxiles para as empresas damnificadas. acceso a financiamento en condicións favorables e aprazamentos fiscais; un plan de recuperación específico para o tecido empresarial do rural e reformas estruturais que faciliten a prevención, a xestión do territorio e a reactivación económica”, dicía.
Pola súa banda, o presidente da CEO, César Blanco, e o presidente de AEVA, Carlos Terán, incidían na necesidade de desenvolver e activar o rural fomentando e apoiando ás pequenas e medianas empresas. E indicaban que Valdeorras dispón dun gran potencial e que, aínda que diferentes sectores, ademais do vitivinícola, víronse afectados directa ou indirectamente polas adversidades sufridas pola vaga de incendios, a comarca sempre demostrou capacidade de resiliencia.
Destacaron a necesidade de extraer leccións do ocorrido e confiaron en que as axudas que se articulen sexan eficaces e suficientes. Así mesmo, subliñaron a importancia de que as administracións públicas teñan en conta ese potencial, co obxectivo de que Valdeorras poida avanzar con máis solidez, xerando emprego, riqueza e novas oportunidades de desenvolvemento.
Despois achegábanse ata o Miradoiro do Barranco Rubiá para ter cunha perspectiva conxunta da afectación do incendio forestal e, logo, visitaban as instalacións da Adega Joaquín Rebolledo e, seguidamente, trasladábanse a Xagoaza (O Barco), para visitar a adega Godeval
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.