A porta da casa que se abre de Miguel Anxo Fernán Vello (Cospeito, 1958), é a obra gañadora do VI Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán. O seu autor, poeta, dramaturgo, pintor e editor, recollía o galardón, dotado con 3.000 euros, na gala celebrada na tarde deste sábado 20 de setembro no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, á que chegara como finalista xunto aos poemas A Casa de barro, de Cristina Ferreiro e Deixará de pasar algún día, de Saray Rodríguez Pérez.




Era no decurso do propio evento no que o alcalde do Barco, Aurentino Alonso e a concelleira de Cultura Margarida Pizcueta, desvelaban o nome do gañador, escollido, segundo o xurado, “pola súa profundidade, capacidade lírica e imaxes que espertan a sensibilidade do lector”.
A poesía foi a gran protagonista dunha gala que por vez primeira cobrou entrada (5 euros) cun fin solidario xa que a recadación irá destinada a proxectos de restauración da flora e fauna nos montes valdeorreses afectados polos lumes forestais deste verán, aos que facía referencia a Emma Pedreira ao falar en nome do xurado, loando a “cantidade e calidade” dos poemas presentados nesta edición e desexando “á xente de Valdeorras, todas as sementes que o vento poida pousar na terra e o mesmo que lle desexo aos nosos montes, un futuro de flores florecentes”. Tamén estaban presentes Inma Núñez e Aleixandre Lago, gañador do Premio na edición do 2024.
Ademais, entre o público estaban os alcaldes de Vilamartín e Petín, Enrique Álvarez e Raquel Bautista que recibían así como o resto de asistentes, unha bolsa con landras e unha castaña recollidas por veciños de Alixo e Rubiá para contribuír á reforestación.



O evento estivo conducido pola pola actriz Iria Pinheiro acompañada en escena polo músico e artista Davide González para crear unha atmósfera lírica e íntima de humor e música na que acubillaron os versos dos finalistas lidos por eles mesmos sobre o escenario, excepto no caso de Cristina Ferreiro, quen o fixo a través dun vídeo ao non poder desprazarse ao Barco para a ocasión. No turno de agradecementos, o gañador do Premio lembrou “igual que o faría Florencio” o xenocidio de Israel con Palestina.
Con esta gala ábrese unha fin de semana poética e musical que ten unha nova cita mañá, domingo 21 de setembro na praza Doutor Quiroga de Petín. Alí, dende as 12:30 horas celebrarase un encontro poético musical ao que acudirán finalistas e membros do xurado do Premio e que comezará coa ‘Poesía Frigorífica’ da Asociación Cultural Nadel. Trátase dunha proposta lúdica na que regalarán imáns con versos de poemas gañadores dos sucesivos Premios de Poesía Florencio Delgado Gurriarán a todo aquel que acerte preguntas sobre autores e autoras da comarca.
Na mesma praza de Petín, ás 13 horas, actuará o grupo quirogués Mario Colomán & The Clocks Band, que conta cun repertorio propio de temas en galego.



A seguinte cita da Fundación FDG será xa en outubro, coas Xornadas Culturais Castelao e Valdeorras. O sábado día 4 celebrarase unha conferencia a bordo do tren que une Monforte e O Barco a cargo de Ricardo Gurriarán e Uxío-Breogán Diéguez denominada Castelao e Florencio, unha conversa no tren do desterro, para a que é necesario inscribirse na web da Fundación. Ao día seguinte, domingo 5 de outubro, Pilar García Negro ofrecerá a conferencia Castelao, obra artística ás 12:30 horas na Sala Abanca do Barco ás 12.30. Neste caso, o acceso é libre ata completar aforo.



Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver.