SanidadeÚltima hora

No Día Mundial dos Maiores, Atención Primaria lembra a necesidade de “coidar aos coidadores”

A Subdirección de Enfermería de Atención Primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras edita unha guía práctica para persoas coidadoras que conta coa súa colaboración directa

 

Segundo os datos dos centros de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde, en Ourense viven a día de hoxe 3.855 persoas inmobilizadas ou dependentes no seu propio domicilio, recaendo a súa atención en coidadores informais non remunerados, coidadores que ascenden a máis de 13.000 persoas na última enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE), e poboación especialmente necesitada de apoio á que se dedica a Guía para Persoas Coidadoras da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras.

Como ben saben os instrutores da Escola de Coidadores, posta en marcha no marco da atención á cronicidade, cunha programación continuada de obradoiros ao longo do ano nos distintos Servizos de Atención Primaria de Ourense, a inmensa maioría das persoas coidadoras informais son mulleres, con idades comprendidas entre os 60 e os 80 anos, que viven sobre todo no medio rural e que se ocupan, habitualmente de maridos, pais ou nais, sogros ou fillos.

A Guía para Persoas Coidadoras ten por obxectivo apoiar a este colectivo, e complementar as actividades comunitarias que se desenvolven nos centros de saúde. Esta iniciativa da Subdirección de Enfermería de Atención Primaria ofrece consellos e recomendacións para mellorar a atención ás persoas dependentes e, ao mesmo tempo, promove o autocuidado de quen as atende.

Estratexia de cronicidade e Escola de Coidadores

Esta publicación forma parte da estratexia de atención á cronicidade e saúde comunitaria, da que tamén xurdiu a propia Escola de Coidadores. Foi precisamente a través destes obradoiros como se detectou a necesidade dun manual accesible, que recollera a información máis demandada polos coidadores. A guía distribuirase entre os participantes nos talleres, co obxectivo de editar o documento dun xeito máis formal, que facilite a súa distribución entre os usuarios, así como garantir que chegue a todas as persoas que o precisen, incluíndo tamén aos coidadores profesionais que traballan no fogar.

Participación activa das coidadoras na guía

A guía é froito dun labor colectivo: O equipo redactor está formado por dezaoito profesionais sanitarios, maioritariamente de enfermería (de atención familiar e comunitaria, saúde mental, matronas, equipos de soporte á atención domiciliaria no rural – ESAD – e centros de atención primaria) e tamén fisioterapeutas, dietistas-nutricionistas, podólogos e traballadoras sociais.

Para a revisión dos contidos, interviron dous equipos: un integrado por unha ducia de profesionais, e outro, máis novidoso, contou con preto de trinta coidadores de toda a provincia, cunha especial representación de veciñas de Valdeorras e Trives.

A contribución das persoas coidadoras na revisión da guía foi esencial: permitiu adaptar os textos e a redacción para facela máis comprensible, engadir novos temas e ampliar o enfoque cara ás necesidades reais detectadas. Grazas a ese diálogo, a guía xa vai pola súa cuarta edición, na que se incorporou outra das súas demandas, recopilando recursos e axudas sociais.

 

 

Contidos prácticos para o día a día

O manual abrangue cuestións fundamentais como o autocoidado do coidador, exercicios, mecánica corporal e saúde do chan pélvico; alimentación, nutrición e uso seguro de medicamentos; actuación ante sustos, urxencias e emerxencias (atragoamento, ictus, hipoglucemias, inconsciencia, anafilaxia, etc.); dependencia, recursos dispoñibles e produtos de apoio; técnicas seguras de transferencias e mobilizacións, prevención de caídas, coidados da pel, aseo e hixiene; recomendacións sobre incontinencia e erros frecuentes; e pautas para mellorar o sono e o descanso, tanto do coidador coma da persoa atendida.

Desde Atención Primaria quíxose facer coincidir a presentación desta guía coa Día Internacional das Persoas Maiores, conmemoración establecida polas Nacións Unidas o 1 de outubro de 1990 co obxectivo de sensibilizar á sociedade sobre os retos e oportunidades do envellecemento, recoñecer as contribucións das persoas maiores e promover políticas que garantan un envellecemento digno e inclusivo.

A Área de Atención á Cronicidade da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras e a súa Escola de Coidadores quere sumarse a esta celebración mediante, como unha mostra de compromiso coa atención integral ás persoas maiores que maioritariamente conforman o colectivo  que precisa de apoio para o desenvolvemento das actividades básicas da vida diaria e precisa do apoio doutras persoas.

Dende Atención Primaria sublíñase que esta guía non só pretende mellorar a calidade das persoas con maior ou menor grao de dependenza, senón tamén visibilizar e recoñecer o labor das persoas coidadoras, maioritariamente mulleres que dedican boa parte da súa vida ao coidado dos seres queridos. A publicación quere así actúar como ferramenta de apoio, acompañamento e reivindicación para un colectivo esencial que moitas veces queda na sombra.

Back to top button