
“Seis meses despois da creación da Unidade de Silicose da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, o Servizo de Neumoloxía leva realizado un intenso traballo de estudo e triaxe dos casos diagnosticados en Valdeorras, para ofertar aos pacientes a mellor asistencia posible, establecendo unha axenda de consultas directamente no Hospital Público de Valdeorras así como un circuíto de derivación de casos graves á Unidade de Enfermidades Intersticiais, con consultas de acto único que inclúen probas de función pulmonar no mesmo día”, tal e como se informa dende a Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco.
O traballo realizado os pasados meses, explican, permitíu valorar as necesidades asistenciais así como completar o rexistro de casos, labor no que o apoio da enfermeira xestora directamente desde o Barco é fundamental, máxime tendo en conta a gran variabilidade da afectación desta enfermidade profesional, que conleva unhas necesidades asistenciais moi diferentes.
Incrementar consultas atendendo á demanda
A xefa de servizo de Neumoloxía, Isaura Parente Lamelas, é unha das especialistas que atende as consultas presenciais no Barco, e a súa valoración é moi positiva “desde agosto contamos con consultas de neumoloxía no Hospital Público de Valdeorras, e o noso obxectivo e atender desde ali a maior parte das consultas de silicose e crecer en función da demanda asistencial en canto a neumoloxía xeral” explica a responsable, que destaca “o alto grao de implicación de todo o servizo nesta tarefa” o que permitirá crecer ofertando as axendas de consulta que sexan precisas.
Nunha unidade intercentros como esta a coordinación é imprescindible, explica a doutora Parente “para elo desde o Servizo de Neumoloxía estableceuse un circuíto de derivación, daqueles casos máis graves e que precisan mais recursos, que serán atendidos na Unidade de Enfermidades Intersticiais, onde ofertarán unha consulta de acto único” di. Esto implica consulta, probas e resultado das mesmas no mesmo día, evitando así desprazamentos e ganando en resolutividade.
“Desde o inicio contamos coa plena colaboración do dirección do Hospital Público de Valdeorras e o seu equipo de profesionais, o que facilita en gran medida o noso traballo no centro. Alí dispoñemos de recursos para realizar diferentes probas de imaxe, laboratorio e por suposto espirometrías” explica a doutora Parente, non si, “cando falamos dun paciente gravemente afectado, un grupo reducido afortunadamente, estas deben incluir pletismografía e probas de difusión, ambas moi especializadas, polo que requiren profesionais con formación e práctica, xa que pequenas variacións na técnica ou no comportamento do paciente poden modificar os resultados” subliña.
Asemade a responsable do servizo destaca a valía profesional do seu equipo “o seguemento dos pacientes graves correrá a cargo dun equipo profesional altamente especializado, no que se oferta un tratamento personalizado, dirixido pola doutora Coral González Fernández”.
A pletismografía pulmonar emprégase para avaliar a función respiratoria. Permite medir volumes pulmonares que non se poden calcular cunha espirometría, como o volume residual (VR) e a capacidade pulmonar total (CPT). Para elo emprégase unha cabina hermética e transparente na que o paciente respira a través dunha boquilla, mentres o equipo rexistra os cambios de presión e volume, ademais de ser a proba diagnóstica de referencia para as Enfermidades Pulmonares Obstrutivas Crónicas (EPOC) ou fibrose pulmonar, permite diferenciar entre alteracións obstrutivas e restritivas.
As probas de difusión pulmonar (tamén chamadas probas de difusión do monóxido de carbono ou DLCO) serven para avaliar como de ben pasa o osíxeno dende os pulmóns ao sangue. É unha das medicións máis importantes dentro dos estudos de función pulmonar, e require precisión técnica e experiencia profesional para obter resultados fiables.