Na mañá deste mércores 8 de outubro, con motivo da conmemoración do Día da Garda Civil, un grupo de trece axentes da Comandancia da Garda Civil de Ourense visitaron hoxe o Hospital Universitario de Ourense, nunha xornada de convivencia e achegamento aos pacientes, especialmente aos máis pequenos, dentro das actividades organizadas pola festividade da súa patroa, o vindeiro 12 de outubro.
A actividade foi organizada polo Servizo de Atención ao Paciente e Humanización do Hospital Universitario de Ourense, en colaboración coa Comandancia da Garda Civil de Ourense, e desenvolveuse na planta de Pediatría e na cuberta terapéutica do novo hospital, situada na área de Saúde Mental.
Durante a mañá, os axentes compartiron tempo cos nenos e nenas ingresados na planta de Pediatría, ofrecéndolles unha xornada diferente e chea de curiosidade e diversión. Tamén visitaron os pacientes do Hospital de Día de Saúde Mental, na cuberta terapéutica do edificio, onde puideron coñecer o espazo e participar con eles en diversas actividades.

A comandante Cristina Boo Paradela, da Comandancia da Garda Civil de Ourense, destacou que “hoxe estamos aquí sobre todo para ver aos nenos que están ingresados, achegar a Garda Civil e as súas diferentes especialidades e tarefas, e tamén visitar a área de Saúde Mental co mesmo obxectivo: achegarnos ás persoas e facerlles a mañá un pouco máis amena”, explicou.
Durante a visita, os axentes amosaron algunhas das súas especialidades máis recoñecidas, como o Subsector de Tráfico, a USECI (unidade operativa da Comandancia), o servizo de drones e o departamento cinolóxico, que presentou dous dos seus cans adestrados. “Os cans da Garda Civil teñen moitísimas funcións: buscan estupefacientes, persoas desaparecidas —vivas ou falecidas—, diñeiro en condicións ilegais e tamén explosivos. Saben facer moitas cousas e sempre esperta moita curiosidade entre os nenos”, engadiu a comandante Boo.
O Xefe de Servizo de Pediatría do Hospital Universitario de Ourense, Santiago Fernández Cebrián, desexaba facerlle extensivo o agradecemento á Garda Civil por esta visita xa que “para os nenos que están ingresados é emocionalmente moi importante este tipo de actividades que teñen un componente terapéutico xa que os evade da rutina que provoca a hopitalización”.

Os rapaces hospitalizados recibiron tamén varios agasallos por parte dos axentes que os visitaron entre eles un carné personalizado onde poideron deixar a súa pegada dactilar. A mestra da Escola de Pediatría do Hospital Universitario de Ourense, Vanessa González Lage, resaltaba que “romper co tedio e a intranquilidade que provoca un ingreso hospitalario tanto nos nenos como nos seus pais e familiares é fundamental; días con estes nun sitio como este agradécense moito”.
Desde o Servizo de Atención ao Paciente e Humanización, destacouse “a importancia destas iniciativas que fortalecen o vínculo entre institucións e contribúen a humanizar a atención sanitaria, especialmente en datas significativas como esta”.